DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A novena edición chega aos campus de Vigo e Ourense

Nas Olimpíadas Solidarias de Estudo o tempo é ouro

Os cartos recadados destinaránse ao arreglo de escolas en Haití

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Jessica Fdez. DUVI 10/11/2011
“Estou onde podo axudar”. Este é o lema da IX Olimpíada Solidaria de Estudos que permitirá a través das horas de estudo do alumnado dos campus de Vigo e Ourense, financiar a reconstrución e apoio a varias escolas afectadas polo terremoto ocorrido en 2010 en Haití, ademais de impulsar o crecemento de países coma Camerún, Angola e Ecuador. O proxecto, desenvolto pola ONG Coopera, ACTEC e Cooperación Internacional, converterá as horas de estudo, o principal activo do estudantado, en euros que se empregarán para fomentar a educación e a formación profesional da mocidade dos países do Sur. En definitiva, trátase de unir tres conceptos básicos que interaccionen entre si en prol do cambio positivo: a educación, o compromiso e a mocidade.

Nesta edición, “a participación está sendo numerosa", aseguran as voluntarias da Biblioteca Central do campus de Vigo, Jessica e Beatriz Álvarez. "Moita xente xa coñece o programa de anos anteriores e colaboran sen dubidar. Aqueles que o ven como unha novidade, tamén se apuntan con ansias polo que tamén se poden esperar bos resultados”, explican.
Galicia participa nesta edición da Olimpiada con 16 salas de estudo, entre as que se atopan a Biblioteca Central do campus de Vigo e o Edificio do Ferro, o Edificio do Politécnico e a Biblioteca Central do campus de Ourense. O alumnado que desexe tomar parte desta iniciativa solidaria, que estará en funcionamento ata o día 5 de decembro grazas ao compromiso de estudantes voluntarios, terá que achegarse aos responsables das salas co compromiso de estudar un mínimo de unha hora. En función do tempo de estudo acordado collerán os billetes falsos que precise e anotaranse no listado que atoparán xunto aos billetes. Finalizado o estudo, os billetes depositaranse nunha urna para a súa posterior conversión en euros.

Haití de novo no punto de mira

Os cartos que a Olimpíada Solidaria de Estudo recade en España, Eslovenia, Francia, Bélxica, Costa de Marfil e Burundi destinaranse á reconstrución da escola La Saline e a apoiar a outras catro escolas da asociación Mains Ouvertes en Haití.
En concreto, trátase de permitir e facilitar que miles de mozos e mozas haitianos accedan á escolarización e ao material básico necesario para poder estudar en boas condicións. Deste xeito poderán desenvolver, a través dunha formación de calidade, as capacidades necesarias que os convertan en impulsores dun cambio social que deixe atrás a pobreza, a violencia ou o analfabetismo do seu pobo a favor do crecemento en positivo.

Galicia, exemplo de cooperación

Galicia é unha das Comunidades Autónomas máis activas e solidarias tal e como mostran os datos. Na pasada edición, os 3.290 participantes galegos foron os que máis horas realizaron, convertendo o seu tempo de estudo en 39.957 euros para a causa.
Grazas a esta iniciativa, o alumnado poderá amosar un ano máis o seu compromiso e solidariedade coa súa contorna, converténdose en protagonista dun proceso de cambio que se impulsa coa axuda ao desenvolvemento dos países que mais o precisan.