DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nesta terceira edición participarán 110 alumnos de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato

Olimpíadas de Xeoloxía para devolver a disciplina ao lugar que merece

A xornada celebrarase o vindeiro 14 de febreiro a partir das 11.00 horas na ETSE de Minas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 02/02/2012
O estudo de fenómenos coma a actividade volcánica en El Hierro ou a orixe, desenvolvemento e consecuencias de terremotos coma os que asolaron Xapón ou Haití son tan só un pequeno reflexo da importancia da xeoloxía para coñecer e predicir a actividade da Terra. Co fin de trasladar ao público a importancia desta disciplina e espertar e fomentar o interese por esta ciencia entre os estudantes de 4º da ESO e de Bacharelato, a ETSE de Minas organiza xunto a Asociación Española para a ensinanza de Ciencias da Terra (AEPECT) a fase galega da III Olimpíada de Xeoloxía. Será a primeira vez que a Universidade de Vigo acolla estas probas.

As Olimpíadas de Xeoloxía celébranse en tres niveis de participación con carácter excluínte: autonómico, nacional e internacional. Na fase galega, que desta volta se celebra o vindeiro 14 de febreiro a partir das 11.00 horas na ETSE de Minas, “vaise bater o récord de participación, xa que temos máis de 110 inscricións de rapaces e rapazas que cursan as materias de Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias da Terra e Ambientais ou a optativa de Xeoloxía. Coma nas edicións anteriores, aqueles que obteñan un dos catro primeiros postos terán a posibilidade de representar a Galicia no certame nacional”, apunta Natalia Caparrini, subdirectora da xefatura de estudos da ETSE de Minas.

Probas e premios

Para avaliar o coñecemento dos estudantes que participan realizaranse dúas probas, unha teórica e unha práctica. A parte teórica consistirá en resolver de forma individual un test sobre petroloxía e mineraloxía, fósiles, fenómenos xeolóxicos externos e internos, ademais de ter que interpretar cortes xeolóxicos. A parte práctica, que se realizará en grupos de catro persoas, estará centrada na interpretación de mapas topográficos, na orientación e no manexo de compases.

Aqueles estudantes que obteñan un dos catro primeiros postos na clasificación recibirán como agasallo material didáctico e accesorios relacionados coa xeoloxía de campo, así como o pago dos gastos de viaxe e aloxamento para participar na edición nacional, que terá lugar o 24 de marzo en Santander. Unha vez resoltas estas probas, os gañadores da III Olimpíada Española de Xeoloxía conformarán o equipo que representará ao país na Olimpíada Internacional de Ciencias da Terra que se celebrará en Bos Aires en outono.

Os galardóns de 2011 deixaron un bo sabor de boca

Na Olimpíada celebrada en 2011 os catro representantes galegos quedaron entre os 15 mellores de España, chegando incluso unha destas alumnas a participar na fase internacional que se celebrou en Italia. O resultado final da pasada edición deixou un bo sabor de boca, xa que os estudantes volveron a casa cunha medalla de prata, unha de bronce e dous premios pola capacidade de organización e coordinación no traballo de investigación en grupo. Dado o bo rendemento conseguido, dende a organización esperan poder acadar ou superar o nivel da edición pasada.