DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ás 22.00 h estarán situados os telescopios diante de Biblioteca universitaria

Unha ollada ao eclipse de lúa desde o campus

A sesión de observación é aberta a todos os interesados

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 15/06/2011
Mirar ao ceo sempre é gozar dun espectáculo de beleza. Pero hai algúns días ao ano nos que máis que nunca vale a pena levantar a ollada e prestar uns minutos de atención ao que ocorre nas estrelas. É o caso da noite deste mércores, día 15 de xuño, cando se producirá un eclipse total de lúa que, se o tempo acompaña, será visible desde calquera recuncho. No campus de Ourense os interesados en observar o fenómeno acompañados por expertos poden facelo nun posto instalado diante da Biblioteca universitaria.

A iniciativa está organizada pola Universidade de Vigo, a Asociación Astronómica de Ourense, o Observatorio Astronómico Corgas e a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía. A partir das 22.00 horas estarán ubicados fronte á Biblioteca varios telescopios a través dos cales os asistentes poderán seguir a evolución do eclipse e escoitar as explicacións que ofrecerán os monitores da observación. O acto será aberto a todos os que se queiran achegar. O único requisito é ter curiosidade por coñecer.

O eclipse que se observará, se o tempo o permite, será un eclipse total de lúa. Este fenómeno prodúcese cando a terra se interpón entre o sol e a lúa durante menos de dúas horas. Entre outras particularidades, o eclipse é chamativo polas cores vermellas que adquire a lúa durante o eclipse, que alcanzará o seu punto máis álxido arredor das 22.15 h.