DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comezou no campus de Ourense un curso de verán sobre a crise cultural

Unha ollada ao grupo Nós como escusa para impulsar as humanidades

Coa participación de arredor de 43 docentes das tres universidades galegas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 25/09/2012

“Estamos vivindo unha crise dos estudos humanistas e galeguistas e é o momento de ver que estratexias podemos empregar para revertela e fortalecernos de cara ao futuro”. Con esta idea, explicou Camilo Fernández, director curso A crise dos estudos de humanidades e a tradición do galeguismo á luz de Nós, desde este martes e ata o venres danse cita no campus de Ourense destacados nomes da cultura galega e das súas principais institucións. Para soñar con mudar ese futuro, os organizadores do encontro quixeron partir do esplendor do pasado, concretamente da xeración Nós e da súa revista.

O curso de verán foi inaugurado este martes por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Camilo Fernández, coordinador do curso; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; e Miguel Moreiras, de Novagaliciabanco. “Esta xornada é unha mostra máis das sinerxías e da colaboración entre institucións, que neste caso permiten a celebración no noso campus dunha cita tan relevante e para falar de algo tan importante como a crise das humanidades e do galeguismo”, explicou María Lameiras. “Hai que facer un repaso á historia porque os pobos que non lembran non teñen presente nin van ter futuro”, engadiu Rosendo Fernández.

Etnia por cultura

Para avanzar nun futuro mellor para os estudos humanistas e galeguistas, salientou Camilo Fernández, é necesario botar unha ollada “ao valor e á vixencia que teñen as formas e os contidos da revista e do grupo Nós, que tanto prestixio deron e dan a Ourense”. Como historiador e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares foi o encargado de introducir aos asistentes ao curso no papel desa xeración galeguista. “A achega do grupo Nós é esencial para a cultura galega e segue a selo, coas súas mudanzas e matizacións”, destacou Villares durante a súa intervención.

No debullar da historia, dos personaxes e do contexto de Nós, o historiador salientou que “non todo empezou con Nós pero si é certo que son un fito no camiño, pois mudaron algúns dos criterios marcadores de Galicia”. Deste xeito, Villares explicou como esta xeración substituíu a demostración étnica, defendida por Manuel Murguía, pola cultural á hora de falar da idea de Galicia. Deixando nun segundo plano a cuestión étnica, “este grupo de intelectuais foron os que mellor e máis conscientemente reflexionaron sobre a cultura como factor esencial e diferencial de Galicia, como a súa sexta flota”, apuntou o presidente do Consello da Cultura Galega.

Así como noutros países o valor diferencial empregado é a relixión, o idioma ou a estrutura social, no caso de Galicia, dixo Villares, “a cultura é o fundamento que nos define no mundo”. Este troco de perspectiva non foi a única achega do grupo Nós, xa que, destacou o historiador, entre outras moitas cousas a él débense aspectos como a introdución do galego na prosa, a realización de ensaios ou a aposta pola compoñente europeizante.