DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca universitaria e o CIMM acollen unha exposición que reflexiona sobre os coidados

Unha ollada á dependencia mutua a través das empregadas do fogar

A mostra, aberta ao público, está aberta ata o día 15 de xullo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 05/07/2011
Unha traballadora doméstica de orixe ucraína, como moitas das mozas que limpan as casas das clases adiñeiradas do Sur de Italia, está a pasarlle o pano á estatua dun emperador romano custodiada no Museo Arqueolóxico Napolitano. É a imaxe da videocreación de Eulàlia Valldosera Dependencia Mutua e tamén a obra da que a exposición Dependencias Mutuas colle o seu nome para propor unha reflexión sobre as empregadas do fogar e a crise dos coidados. A mostra está aberta ao público na Biblioteca universitaria do campus de Ourense e no Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) ata o 15 de xullo.

A exposición, comisariada por Esther Moreno, enmárcase no curso de verán Mulleres, Coidados, Benestar Social, que celebrou do 28 de xuño ao 1 de xullo o campus de Ourense baixo a coordinación de Purificación Mayobre e o grupo SIEX e o patrocinio da Vicerreitoría do Campus, a Deputación Provincial de Ourense e a Concellaría de Benestar Social ourensá. A través de obras das creadoras Elena Fraj, Yolanda Herranz, Louisa Holecz, Natalia Íguiñiz, Daniela Ortiz, Martha Rosler, Territorio Doméstico e Eulàlia Valldosera a mostra completa a reflexión sobre os coidados realizada durante o curso.

“A exposición amosa un conxunto de traballos de distintas artistas seleccionados atendendo a unha aposta urxente inserida no feminismo actual: pór os coidados, e non os mercados, no centro das análises sociais, políticas e económicas”, salienta a súa comisaria. Esther Moreno explica que se denominan coidados a unha ampla gama de procesos necesarios para a sustentabilidade da vida, moitos deles altamente especializados. “Son imprescindibles pero a sociedade no seu conxunto non os valora nin se responsabiliza deles e as mulleres seguen maioritariamente facéndose cargo deles, organizando unha transferencia dos mesmos cara outras mulleres: dentro da familia, seguindo un eixo xeracional ou externalizándoos de forma privada”, apunta.

Diversidade de olladas

Ademais da citada obra de Eulàlia Valldosera, na mostra pódese gozar doutras propostas creativas. 97 Empleadas Domésticas, de Daniela Ortiz, está composta por 77 fotografías de Facebook de grupos de persoas de clase alta peruana en situacións domésticas cotiás e La Otra, de Natalia Iguiñiz, amosa unha serie de retratos de 25 parellas de empregadoras-empregadas de clase media. Pola súa banda, Luisa Holecz constrúe en Home unha casa con batas e mandilóns e Yolanda Herranz, en Cuerpo y Alma: Pesadumbres, Duelos y Quebrantos, recolle a gravación de voz de Francisca (a coidadora) que está lendo a Carmen (a nai da creadora, que está enferma) o texto dun dos seus catálogos.

Elena Fraj, en Mémories D´unes Serveuses, contrapón representacións fílmicas estereotipadas da figura da criada; Martha Rosler, en Tijuana Maid, amosa unha serie de tarxetas postais con experiencias de traballadoras domésticas e Territorio Doméstico, en Se Acabó la Esclavitud!, recolle en fotografías e vídeo a manifestación polos dereitos das traballadoras domésticas celebrada en Madrid el 28 de marzo de 2010.

A través das súas propostas a exposición quere aludir ao complexo armazón de interdependencias existente entre o patriarcado e as mulleres; entre os homes e as mulleres; entre unhas mulleres e outras; entre a institución arte e as artistas e entre o feminismo e as prácticas artísticas e políticas que esta mostra recolle.