DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ourense acolle a II Mostra Itinerante de Cine Español feito por Mulleres

Once novas cineastas traen ao campus Mulleres de Cine

As sesións, abertas ao público, comezarán o martes día 20 de setembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 19/09/2011
Un dos retos fundamentais para acadar a igualdade é visibilizar o papel das mulleres nos diferentes eidos da sociedade. E cando se trata de visibilizar unha cuestión nada mellor que poñela en imaxes. Con esta idea, o campus de Ourense acolle a partir do 20 de setembro a II Mostra Itinerante de Cine Español feito por Mulleres: Mulleres de Cine. Intransitadas. A iniciativa, de carácter estatal, quere reivindicar e facer patente o traballo creativo das mulleres no ámbito da industria cinematográfica española a través da proxección de once producións doutras tantas novas directoras comprometidas coa cuestión de xénero.

O ciclo, organizado polo Instituto da Muller en colaboración co Concello de Ourense, a Vicerreitoría do Campus de Ourense e o consorcio do Festival de Cine Internacional de Ourense, desenvolveranse durante os días 20, 22, 27 e 29 de setembro. Para comezar, este luns foi presentado por María Lameiras, vicerreitora do Campus de Ourense; Mónica Vázquez, concelleira de Igualdade do Concello de Ourense; e Isabel Pérez, presidenta do consorcio do Festival de Cine Internacional de Ourense.

Durante a súa presentación, María Lameiras salientou a importancia desta iniciativa para contribuír a “visibilizar o espazo que as mulleres teñen dereito a ocupar no eido audiovisual e na sociedade en xeral”, polo que animou a toda a cidadanía, e non só á comunidade universitaria, a asistir a este ciclo. A mostra “une creatividade e unha visión crítica da realidade desde unha perspectiva de xénero”, destacou Mónica Vázquez. “É cine feito por mulleres pero mulleres comprometidas”, apuntou ademais Isabel Pérez mentres salientaba a calidade do seu programa.

Segundo ano, primeiro en Ourense

Mulleres de Cine é un proxecto que este ano celebra a súa segunda edición e no que por primeira vez participará a cidade de Ourense. Trátase dunha mostra itinerante de películas españolas recentes, realizadas por mulleres, que ao longo deste ano percorrerá un total de 15 localidades estatais e internacionais. O ciclo reúne o traballo de 11 novas directoras que apostan polo cine de autor fóra dos circuítos habituais de exhibición, pero de notable calidade e carga poético-creativa, segundo os seus organizadores.

A iniciativa aposta por reivindicar e visibilizar o traballo creativo das mulleres no ámbito da industria cinematográfica española, tendo en conta que apenas un 8% das películas que se producen en España están dirixidas por mulleres e que a participación feminina en guión e produción non acada o 20%.

Proxeccións e coloquios

A programación comezará o 20 de setembro coa presenza de Laura Seara, secretaria de Estado de Igualdade; coa proxección da longametraxe Cuchillo de palo, da directora Renate Costa, e cun coloquio que contará coa participación da produtora da película, Marta Andreu, e a directora técnica de Mulleres de Cine, Ana Isabel Palacios. O día 21 de setembro será a quenda de B-Side, de Eva Vila, e os días 27 e 28 de setembro as protagonistas serán as curtametraxes: Entrevista a un hombre blanco, de Beatriz Caravaggio; Illa de pedra, de Adriana Páramo; Kiss the murder, de María Cañas; Bechos raros, de Estíbaliz Burgaleta e Alegría Collantes; La piscina, de Beatriz Mínguez; 1997, de Peque Varela; Distancias, de Pilar Mansell; Espacio simétrico, de Virginia García; e Exhibition19, de Alaitz Arenzana e María Ibarrtxe.

As proxeccións terán lugar ás 19.00 horas na sala multiusos do Edificio de Ferro, de balde e abertas a os interesados.