DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Seleccionados na convocatoria de iniciativas de aprendizaxe-servizo para o vindeiro curso

Once proxectos conectarán a formación de máis de 700 estudantes co servizo á comunidade

Levaranse a cabo nos tres campus coa colaboración dunha vintena de entidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cooperación
  • Estudantado
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 03/08/2023

Que o alumnado poida adquirir as competencias propias da súa titulación á vez que realiza un servizo á comunidade é o propósito da metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS), a partir da que se articulan os once proxectos que permitirán a máis de 700 alumnos e alumnas contribuír ao labor dunha vintena de asociacións e colectivos. Trátase das once iniciativas seleccionadas na convocatoria de proxectos de ApS no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS promovida pola Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade para o vindeiro curso. Coa participación de alumnado dunha quincena de graos e mestrados, estes proxectos levarán ao estudantado a traballar en iniciativas relacionadas coa sostibilidade alimentaria, o turismo inclusivo, o asesoramento tributario, a promoción de hábitos saudables ou os efectos da desinformación.

Como recolle a convocatoria da cuarta edición desta iniciativa, os proxectos de ApS permiten que o alumnado adquira tanto as competencias propias da súa titulación como outras relacionadas “co compromiso ético, a responsabilidade social ou o traballo en equipo”, á vez que traballa “en necesidades reais da contorna coa finalidade de mellorala”. Ao mesmo tempo, esta iniciativa busca contribuír aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), con proxectos que poñen o foco na igualdade e na inclusión, na saúde e no benestar, na protección do medio ambiente ou no dereito a unha educación de calidade. Os diferentes proxectos levaranse a cabo ao longo do curso 2023/2024 e contarán co asesoramento da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade. Seis deles desenvolveranse no campus de Ourense, tres no de Pontevedra e dous no de Vigo.

Alimentación, turismo inclusivo e educación musical

Coa participación de alumnado do Grao en Enxeñaría Agraria e do Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental, un dos seis proxectos que se levará a cabo en Ourense será Conservando km. 0, co que colabora a Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense (Ardecou). Coordinado por Inmaculada Franco, nel o estudantado informará a asociacións rurais sobre diferentes aspectos relacionados coa composición, calidade e conservación de froitas e verduras. 

Ligado á mesma temática, Alimentando un futuro sostible implicará a alumnado dos graos en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias Ambientais e Enxeñaría Agrícola, así como do Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Industrial. Coa colaboración do IES Eduardo Blanco Amor, Down Ourense e a asociación veciñal Rabo de Galo, o proxecto que coordina Sidonia Martínez pretende formar a diferentes sectores da poboación sobre hábitos de consumo alimentario saudables e respectuosos co medio ambiente. 

A necesidade de dotar á cidadanía de maior formación alimentaria e nutricional é tamén o punto de partida de Lendo etiquetas para coordinar a miña saúde, o proxecto que coordinan Raquel Rial e Beatriz Cancho. Nel, estudantes do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos prepararán material didáctico e levarán a cabo obradoiros que amosen aos escolares como interpretar a información recollida no etiquetado dos alimentos. 

Coa colaboración da ONCE e Down Ourense, outro dos proxectos seleccionados é Turismo con sentido, unha iniciativa coordinada por Elisa Alén González e centrada no deseño dun produto turístico inclusivo que, á vez que poña en valor o patrimonio, poida ser gozado por persoas con discapacidade funcional ou intelectual.

A ONCE, xunto á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e Museo Etnolóxico de Rivadavia, colaborará tamén co proxecto Educa para a diversidade, transforma a sociedade, no que participará alumnado do Grao en Traballo Social. Coordinado por María José Vázquez Figueiredo, as e os estudantes elaborarán un produto multimedia sobre discapacidade auditiva ou visual, no que reflexionen sobre os avances e retos que ten este museo en materia de inclusión.

Por outra banda, os beneficios da música para a estimulación temperá das crianzas constitúe o punto de partida de MúsiCA(c)TIVA: sesións musicais en escolas infantís do rural ourensán. Coordinado por Lucía Casal, este proxecto levarase a cabo nas escolas infantís de Coles, Pereiro de Aguiar e Toén, para as que o alumnado do Grao en Educación Infantil deseñará unha sesión lúdico-musical centrada na percepción e expresión musical.

Aprendizaxe no hospital e asistencia tributaria

No caso do campus vigués, o próximo curso desenvolverase unha nova edición de Aprender xogando nun hospital, un proxecto coordinado por Eduardo Suárez. Nesta iniciativa, o alumnado do Grao en Enxeñaría Biomédica terá que deseñar, construír e probar un dispositivo funcional, a partir dos coñecementos adquiridos nas materias da área de mecánica de fluídos, que deberá ser adecuado para o seu uso infantil, para finalmente presentarllo aos pacientes do servizo de pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro. 

Unha decena de asociacións de carácter social e empresarial colaborarán co proxecto Aprendizaxe en dereito tributario e servizo á sociedade, que coordina Jaime Aneiros e no que participarán estudantes dos graos en Dereito, Relacións Laborais e Dirección e Xestión Pública, así como do Máster en Avogacía. O seu obxectivo é que o alumnado poida colaborar con estas organizacións sociais prestando asistencia xurídico-tributaria a persoas ou colectivos que non contan cos recursos económicos necesarios para acceder a profesionais do ámbito tributario.

Da desinformación á soberanía alimentaria

No caso de Pontevedra, un dos proxectos seleccionados é Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática, que levará ao alumnado de Comunicación Audiovisual a traballar no deseño de vídeos de carácter divulgativo que poñan o foco na problemática da desinformación e as fake news e os seus efectos sobre diferentes colectivos. Coordinado por Alberto Dafonte, trátase da quinta edición dunha iniciativa no que o alumnado contará co asesoramento da ONG Ecos do Sur. 

Outro dos proxectos que se levará a cabo neste campus será Melloras de xestión das entidades asociativas por transferencia de coñecementos do Grao de Dirección e Xestión Pública, unha iniciativa de Sara Torres que dá continuidade a ApS previos realizados co Centro Comercial Urbano Zona Monumental. Nesta ocasión, a actividade estará dirixida a que un estudante elabore un plan de acción de mellora continua para esta entidade no marco do seu traballo de fin de grao. 

Coa participación tamén do alumnado de Dirección e Xestión Pública e coordinado por Rosa Ricoy, o proxecto SOS-tenibilidade ambiental levarase a cabo coa entidade ecoloxista Amigas da Terra. O seu obxectivo é que o alumnado poida promover documentos, debates e xornadas que fomenten a reflexión e a comprensión de dúas problemáticas, a soberanía alimentaria e o impacto da transición enerxética sobre determinandos colectivos, conectando en ambos casos o debate coas iniciativas levadas a cabo por esta entidade en Honduras.