DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Historia presentou este mércores a nova oferta académica neste eido

Opcións de mestrado para amantes do patrimonio e a arqueoloxía

A colaboración con outras institucións permítelle ampliar os estudos de posgrao

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
DUVI 21/05/2014

Un Máster en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural, un Máster Interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade e un programa vinculado a eles de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural. A Facultade de Historia do campus de Ourense presentou este mércores a súa oferta de estudos de posgrao para o curso 2014/2015 e fíxoo apostando pola súa reformulación a través da colaboración con outras entidades, tanto da Universidade de Vigo como de fóra dela. O centro quere atraer ao alumnado cunha oferta diversificada, especializada, de calidade e con temáticas de interese para diferentes colectivos.

Patrimonio

Entre as novidades do vindeiro curso estará o Máster en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural (HTCO3), que, tal e como comenta Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia, “conxuga historia, tecnoloxía, conservación, comunidade e coñecemento para ofrecer unha oferta formativa única e innovadora, que sintetiza competencias múltiples para capacitar aos novos profesionais”. Trátase, apunta, dun mestrado oficial elaborado nos laboratorios de tres centros educativos galegos, como son a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas do campus de Vigo, a Escola de Conservación-Restauración de Bens Culturais de Pontevedra e a propia Facultade de Historia do campus de Ourense. Segundo explican os promotores da iniciativa, o mestrado nace do diálogo e da conxugación de coñecemento de tres colectivos profesionais, de tres ramas disciplinares, tendo como protagonista común o patrimonio.

Estes novos estudos, sinalan os seus responsables, pretenden que o alumnado sexa capaz de seleccionar e utilizar ferramentas metodolóxicas para a súa aplicación no deseño, execución e control de proxectos de valoración, xestión e/ou difusión do patrimonio cultural. O coñecemento das tecnoloxías construtivas e as técnicas de caracterización de materiais, as claves de identificación dos factores de deterioro que actúan sobre o patrimonio cultural e a súa diagnose de conservación e o dominio das ferramentas para a documentación histórica e artística dos bens e as estratexias para a súa difusión serán algúns dos temas sobre os que traballarán os estudantes matriculados neste estudos o vindeiro curso académico. Cun carácter mixto investigador e profesionalizante, empregarase unha metodoloxía docente semipresencial. Este máster está ademais vinculado ao Programa de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural da Universidade de Vigo, que pretende ser o marco axeitado de formación doutoral para os egresados.

E arqueoloxía

Por último, o Máster Interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, na súa dobre vertente profesionalizante e investigadora, aspira a formar arqueólogos que poidan desenvolver o seu labor profesional neste campo nos próximos anos. Ofrecido entre as universidades de Vigo e Santiago de Compostela coa participación ademais do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, estes estudos dan paso ao programa de doutoramento da USC Historia, Xeografía e Arte e ao da Universidade de Vigo de Protección do Patrimonio Cultural. Componse dun módulo obrigatorio e dous optativos que permiten a especialidade en arqueoloxía ou historia do mundo clásico. No primeiro caso pretende que o alumno profunde nos aspectos relacionados coa prehistoria e a arqueoloxía do Noroeste da Península Ibérica, así como nalgúns aspectos moi concretos de tecnoloxía arqueolóxica, mentres que no segundo, de historia do mundo clásico, oriéntase principalmente a estudantes que desexen realizar unha tese de doutoramento no ámbito da historia antiga.