O Seminario de busca de emprego achega os universitarios ao mundo laboral
O optimismo e a actitude positiva son as claves para buscar traballo en tempos de crise
Ata este venres día 6 no Edificio Xurídico-Empresarial
Optimismo, enerxía e bo humor foron as claves da primeira sesión que inaugurou o Seminario de busca de emprego. Á procura de emprego en tempo de crise. Organizado dende Máster de creación, dirección e innovación na empresa e a Cátedra Bancaja Jóvenes Emprendedores, este curso fuxe de ser “un seminario máis de emprego, achégandose a falar de actitudes, habilidades e competencias para entrar no mercado de traballo”, explicou Ana Gueimonde, coordinadora do mestrado.
Busca de emprego, crise, innovación e espírito emprendedor son verbas que levaron aos organizadores a realizar este curso, “palabras tan empregadas na actualidade que algunhas comezan a perder o seu significado”. O que se pretende con este seminario “é algo moi sinxelo e usado, por algo somos innovadores”, bromeu Gueimonde; “queremos baleirar os termos emprendedor e innovación dos seus usos vacuos, devolvelos á funcionalidade e enchelos cos nosos conferenciantes de ferramentas que vos ilustren e vos orienten no obxecto deste seminario, a busca de emprego”.
No curso, que remata este venres, falarase de como elaborar un bo currículo vitae, de como superar con éxito entrevistas de traballo, de actitudes, habilidades e competencias necesarias para sobrevivir no mercado laboral, de espírito emprendedor... “O emprego por si mesmo non nos fai persoas libres, pero a súa carencia é unha das maiores prisións. Aquí, coas achegas dos nosos relatores, trazaremos un plan de fuxida desta cárcere”, concluíu Gueimonde.