DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo os días 30 e 31 de marzo e 13 e 14 de abri

Organizadores de eventos deportivos explicarán as súas chaves de éxito

Entre os participantes estarán representantes de campionatos mundiais e xogos internacionais

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 07/03/2012

“Toda práctica deportiva, sexa profesional ou non, ten como colofón final un evento deportivo máis ou menos grande, que pode ir desde unha simple exhibición ata a celebración dun encontro”. Deste xeito explica Patricio Sánchez, docente da Universidade de Vigo, o peso que no mundo do deporte ten a celebración de eventos, tema central dun curso complementario que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acollerá os días 30 e 31 de marzo e 13 e 14 de abril.

O curso, titulado Organización e desenvolvemento de eventos deportivos: as chaves do éxito, “terá un carácter eminentemente práctico, sendo os responsables da organización de eventos os encargados de explicar aos asistentes o traballo que require a organización e desenvolvemento deste tipo de actos”, destaca Patricio Sánchez. Para ofrecer esta visión práctica do xeito máis amplo posible, o programa contará con organizadores de citas deportivas internacionais, estatais e galegas de diferentes modalidades, desde o remo ao maratón.

Durante os catro días de celebración da iniciativa achegaranse a Ourense representantes dos Xogos do Mediterráneo Tarragona 2017, dos Xogos Paralímpicos Londres 2012 e dos campionatos do mundo de Ciclismo Ponferrada 2014 e de Natación Barcelona 2013. Ademais estará persoal de organización da Copa Europa Triatlón Pontevedra 2011, do Campionato de España de Remo Olímpico, do Maratón Behobia-San Sebastián, da Meia Maratona do Douro Vinhateiro, do Rally de Ourense e do Maratón Penedos do Lobo.

Enfoque práctico e económico

“Esta actividade enmárcase na liña de traballo do noso centro en todo o relacionado coa faciana económica do deporte, unha faciana que queda moi patente no caso dos eventos, que son a forma última a través da cal se visualiza o deporte”, explica o vicedecano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Por este enfoque económico, o curso, ademais da exposición práctica dos relatores participantes, contará cunha mesa redonda de debate sobre como está afectando a crise á celebración deste tipo de citas.

O curso está especialmente dirixido ao alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense e ao resto de membros da comunidade universitaria pero tamén esta aberto a todas aquelas persoas interesadas en temas vinculados co deporte e coa actividade física que cumpran as condicións de acceso. O importe da matrícula é de 25 euros para o alumnado da Universidade de Vigo e de 49 euros para o alumnado externo.