DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Xeolodía 2012 afondará en como Roma escolleu este territorio para crear a cidade das Burgas

As orixes de Ourense son unha cuestión de xeoloxía

A excursión celebrarase o día 6 de maio coa participación de 55 persoas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 16/04/2012

“As orixes da cidade de Ourense son unha cuestión de xeoloxía”. Esta afirmación do profesor da Facultade de Ciencias José Ramón Seara é tamén o título escollido para a excusión de Xeolodía 2012 no campus de Ourense. As 55 persoas xa inscritas nesta iniciativa explorarán nesta edición os arredores da depresión de Ourense para entender porque o Imperio Romano escolleu este territorio en concreto para crear a cidade das Burgas. A cita, ao igual que en diferentes provincias españolas, será o vindeiro 6 de maio.

Tal e como salienta José Ramón Seara, organizador da iniciativa xunto ao tamén docente Eduardo González, o Xeolodía é unha “festa da Xeoloxía” que se celebra en diferentes puntos da xeografía española mediante a organización de excursións guiadas por xeólogos e promovidas pola Sociedade Xeolóxica de España, a Asociación Española para o Ensino das Ciencias da Terra e o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España. “Trala experiencia do ano pasado, que visitamos a contorna da Conca de Maceda, nesta ocasión quixemos explorar os arredores de Ourense”, explica Seara.

Durante a excursión, que se prolonga ao longo de todo o día, os organizadores tratará de amosarlle aos participantes os principais trazos xeolóxicos da “ola” de Ourense, como son os seus materiais, a súa estrutura, os seus procesos, a súa xeomorfoloxía, a súa historia e o seu presente. “Tentaremos explicar como na súa contorna se cumpren todos os requisitos xeolóxicos que Roma buscaba: chans, augas freáticas e termais, clima, tamén influído pola xeoloxía, pedra de mampostería... e sobre todo a solución de paso cara ao Norte, é dicir, de tránsito entre Braga e Lugo, para a localización dunha nova poboación que, máis tarde e co tempo, daría lugar á actual Ourense”, destaca o docente da Universidade de Vigo.

Dos granitos deformados ás augas termais

Con este obxectivo, segundo explica Seara, os participantes visitarán, entre outros, algúns afloramentos da granodiorita biotítica de Ourense, granitos deformados de dúas micas, lousas metamórficas, algúns prolegómenos da erosión da gran cadea hercínica, as raíces dos últimos volcáns cretácicos, a xénese da gran chaira de arrasamento finicretácica, a formación de fosas e os sedimentos do Cenozoico arredor de Seixalbo, as grandes fallas que conforman a depresión de Ourense, o encaixamento do Miño e a xénese das augas termais.

Consolidando o éxito da anterior edición, nesta ocasión as 55 prazas dispoñibles da iniciativa foron cubertas ao pouco tempo de facerse pública a convocatoria, na que unha vez máis a Facultade de Ciencias colabora facendo que sexa posible o desprazamento de xeito gratuíto. Este grupo será o que o vindeiro 6 de maio poderá gozar das explicación dos docentes participantes, da paisaxe ourensá e de toda a información e historia que agochan os accidentes xeolóxicos para aqueles que saben interpretalos axeitadamente.