DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo o título de 'Sinerxías', terá lugar o vindeiro mércores 20 no Pazo da Cultura 

A Orquestra Xove de Pontevedra e as aulas de música e baile tradicional compartirán o Concerto de Primavera do campus

As invitacións poden recollerse desde este venres na Vicerreitoría e nas facultades e escolas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 13/03/2024

Unha sinerxía entre a música sinfónica e a tradición sonora galega. Isto é o que propón a Vicerreitoría para unha nova edición do Concerto de Primavera do campus, que nesta ocasión terá como protagonistas a Orquestra Xove de Pontevedra e as aulas de música e baile tradicional do campus. Baixo o título de Sinerxías, esta actuación reunirá sobre o escenario máis de 60 músicos e bailaríns en varias das pezas e terá lugar o vindeiro mércores 20 de marzo no Pazo da Cultura de Pontevedra, ás 20.30 horas. Con entrada gratuíta, as invitacións para acudir a este concerto poderán recollerse a partir deste venres nas conserxarías das diferentes facultades e escolas e na Casa das Campás.

Como apunta o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, un dos obxectivos deste Concerto de Primavera, promovido coa colaboración do Concello, é “mostrar o que se está a facer desde a Universidade” e servir a súa vez como “un aliciente” para as persoas que se forman nas aulas de música e baile tradicional. Así, despois de compartir escenario con Pepe Vaamonde Grupo ou Os Melidaos en anteriores edicións, a Aula Permanente de Música Tradicional actuará nesta ocasión xunto coa Orquestra Xove de Pontevedra. Nacida en 2017, co obxectivo de formar e ilusionar a novos músicos de Galicia, de entre 14 e 26 anos, trátase dunha formación dirixida por Javier Lorente, quen ten colaborado ao longo da súa traxectoria con formacións como a Orquesta Ciudad de Barcelona ou a Orquesta del Principado de Asturias e acadado recoñecementos como un primeiro premio no certame de bandas internacional Flicorno D´Oro de Riva del Garda.

Tras semanas de ensaios, esta formación estará acompañada en tres das pezas que integran o programa do concerto polos e polas integrantes da aula que dirixe o músico e gaiteiro Suso Vaamonde. Aberta tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, 46 persoas participan no presente curso nunha iniciativa que ten as súas orixes en 2016 e que nacía cos obxectivos de permitir iniciarse na interpretación dun instrumento tradicional e de acadar a creación dun grupo estable de instrumentos populares galegos na Universidade. Nunha das pezas, a orquestra e aula sumaranse á súa vez tres parellas de bailaríns, alumnas e alumnos do obradoiro Como bailar nun serán. Dirixida pola mestra de baile e pandeireta e integrante de Leilía Montse Rivera, trátase dunha aula de iniciación nos principais ritmos do baile tradicional, como a muiñeira e a xota, que a Vicerreitoría promoveu este curso por segunda vez, cunha trintena de inscritos e inscritas.

O programa 

Formado no Conservatorio Superior Massotti de Murcia, na ESMUC de Barcelona e no ISEB de Trento, á Orquestra Xove terá á fronte a Javier Lorente, director tamén da Unión Musical de Meaño e da Banda Municipal de Santiago de Compostela. A esta formación corresponderalle abrir este recital coa Abertura Tequexetéldere, de Simón Couceiro. A continuación, interpretarán conxuntamente coa aula permanente a Marcha do antigo Reino de Galicia, con arranxos de Suso Vaamonde, para logo incorporar tamén a aula de baile na interpretación da Xota e muiñeira de Coruxedo, orquestradas por Couceiro. Posteriormente, a Orquestra Xove tocará en solitario Case un valse, de Benxamín Otero, antes de que as e os integrantes da aula de música tradicional retornen ao escenario para tocar conxuntamente a Muiñeira do salmón, tamén de Simón Couceiro.