DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A VI edición da carreira terá lugar o domingo 11 de marzo nas instalación do campus

Os 10 Km Cidade Universitaria tamén se poden facer camiñando

A organización decidiu incluír un percorrido paralelo para realizar andando

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Jessica Fdez. DUVI 23/02/2012

Estar acostumado a facer deporte dun xeito constante e gozar dunha boa condición física son requisitos fundamentais para realizar un longo percorrido correndo. Por iso e para ofrecer unha alternativa deportiva a todo tipo de persoas, a organización da xa emblemática carreira 10 km Cidade Universitaria decidiu organizar paralelamente á carreira unha andaia, da mesma lonxitude, pero para realizar camiñando. Ambas actividades, carreira e roteiro a pé, terán lugar simultaneamente o vindeiro 11 de marzo co obxectivo non só de fomentar a paixón polo deporte e por un estilo de vida saudable, senón coa vista posta en ofrecer unha xornada de festa tanto para os deportistas coma para os seus acompañantes, sexa cal sexa a súa idade.

Tanto a carreira, que se ven realizando dende 2007 coma a andaina, novidade desta edición, terán unha lonxitude de 10 quilómetros que atravesarán a cidade universitaria e os seus arredores. Tal e como indican as cifras de participación, o interese pola actividade crece ano tras ano e, para esta edición, “xa hai arredor duns 200 matriculados, unha cifra bastante alta xa que aínda faltan case tres semanas para o evento. A matrícula adoita realizarse nos últimos días, e esperamos uns 1000 deportistas” indica Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes. A pesar de que ambos exercicios percorrerán camiños diferentes “cruzaranse na zona da piscina, polo que se poderá ver a centos de deportistas gozando das instalacións do campus”, recalca Rial.

Un día non só para corredores

A xornada deportiva non só está pensada para os atletas, senón tamén para os seus acompañantes sexa cal sexa a súa idade. Haberá actividades, sorteos e xogos inchables para os máis pequenos, mentres que a entrega de premios estará amenizada polo grupo Teatro de CadaQuén, dirixido polo alumno da Universidade José Calvar. A xornada non remata tras a entrega dos premios, senón que continuará cunha comida de confraternidade xa que “queremos que a festa continúe. Non só busca que se veña facer o percorrido, senón que os corredores poidan confraternizar e gozar dunha xornada diferente, nun ambiente distendido e agradable”, aclara Rial.

Matrícula e premios

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 6 de marzo ás 14.00 h. No caso da carreira, a matrícula realizarase a través da páxina www.championchipnorte.com, mentres que os interesados e interesadas en participar na andaina terán que enviar un e-mail á dirección deportes@uvigo.es cos seus datos persoais. As bases da convocatoria, condicións de participación, prezos e requisitos poderán consultarse na páxina web do Servizo de Deportes.

No que respecta aos premios, todos os participantes recibirán como agasallo unha prenda conmemorativa e poderán participar nos sorteos que se leven a cabo. Os tres primeiros que crucen a meta na clasificación xeral (masculina e feminina) recibirán premios en metálico de 400, 300 e 200 euros respectivamente.