DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enrique Valero, profesor da EUET Forestal:

“Os agricultores son os mellores axentes para acadar a conservación ambiental do medio rural xa que son os principais xestores do territorio”

Representará á Universidade nunha xornada da “Semana Verde Internacional de Berlín”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 16/01/2008

No marco dun programa de actividades paralelo á Semana Verde Internacional que se está a celebrar estes días en Berlín, teñen lugar numerosos congresos e conferencias, entre os que destaca a xornada Cooperación entre agricultura e protección ambiental, onde o profesor da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal, Enrique Valero, representará á Universidade. O obxectivo do evento é concienciar de que o único xeito de acadar altas cotas de mantemento da biodiversidade é mediante a cooperación mutua entre os propietarios das terras e os gobernantes de cada comunidade. Tal como explica Valero, “os agricultores son os mellores axentes para lograr unha conservación ambiental no medio rural, xa que son os principais xestores do territorio, un territorio que comprende millóns de hectáreas ao longo de toda a Unión Europea e que sen o seu concurso va a ser moi difícil ou imposible lograr un estado sostible no que se refire a cuestións ambientais”.

Cinco exemplos de cooperación

Será este venres 18 de xaneiro cando Enrique Valero demostrará, a través de cinco exemplos de casos ocorridos en España, como se pode axudar á conservación de especies protexidas e a elevar o nivel de sustentabilidade do medio rural.
O primeiro caso que explicará é un proxecto posto en marcha no monte Mediterráneo, onde existe unha alta concentración de animais en perigo de extinción como a aguia imperial. Alí implantouse unha das propostas para axudar a esta especie e o resultado obtido foi un incremento notable do número de parellas.
O segundo exemplo trata sobre un caso liderado pola asociación agraria Asaja realizado desde o ano 2002 ata o 2007. O proxecto ten que ver cunha serie de medidas tomadas en zonas de Rede Natura ligadas a humidais (basicamente en Andalucía) e onde, a base de determinado tipo de prácticas agrarias, demostracións, programas pilotos e informacións, lográronse moi bos resultados desde o punto de vista ambiental.
As aves esteparias das zonas de Zamora, León e Palencia conforman o terceiro caso, onde hai unha serie de especies ameazadas como a bufarda e o falcón peregrino que dependen deste tipo de estepas. A Junta de Castilla e León creou un marco de axudas e de contratos cos agricultores nos cales se compensan determinados tipos de prácticas para o mantemento destas aves e cos que se acadaron altos niveis de satisfacción. Segundo o profesor do campus pontevedrés “é moi importante este concepto de conservación facendo partícipe ao propietario e ao usuario das terras e non a través de decretos ou prohibicións, como está pasando aquí e sen resposta”, afirmou Enrique Valero.
O cuarto exemplo que exporá na súa ponencia é relativo ao oso na Cordilleira Cantábrica e explica os beneficios obtidos a través da iniciativa da Fundación Oso Pardo para establecer contratos con agricultores, gandeiros, asociacións forestais, etc. Incluso se chegou a un acordo con nove grandes sociedades de cazadores para editar un manual de boas prácticas de caza en zonas oseiras.
O último dos casos que compoñen a súa intervención é o do lobo galego, unha especie con problemas moi graves entre os cales destaca o rexeitamento por parte da poboación rural e o feito de que se converteu nunha especie de ícono para a sociedade urbana. Existe un plan do lobo, baseado nun sistema de prevención de ataques e de indemnizacións por danos, onde se trata de acadar, por un lado, o obxectivo de contar cunha poboación estable destes animais, aínda que por outro lado, "non debería ser a cargo do gandeiro galego e as súas propiedades", comenta Enrique Valero.

A Semana Verde

A xornada Cooperación entre agricultura e protección ambiental englóbase dentro das actividades paralelas á Semana Verde Internacional de Berlín, unha das feiras con maior tradición en Alemaña, que se celebra xa desde fai máis de 80 anos. O que nun principio foi unha sinxela mostra local de mercadorías, transformouse no máis importante evento internacional da industria da alimentación, a agricultura e a horticultura. Nas naves da feira participan este ano uns 1.500 expositores de máis de 50 países que invitan a realizar un percorrido para descubrir os praceres do padal.