DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No IX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Os alumnos de Belas Artes achegan a súa arte aos máis pequenos

Un obradoiro de graffiti é a novidade desta edición

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Ana Terceiro DUVI 31/01/2008

Co obxectivo de transmitir a súa arte aos máis pequenos, os alumnos de primeiro e segundo curso da Facultade de Belas Artes colaboran no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que se celebra na cidade ata o vindeiro 2 de febreiro. O centro educativo participa nesta iniciativa desde a súa primeira edición e, este ano, os estudantes achéganse aos nenos a través dun proxecto de ambientación dos espazos, unha exposición e un obradoiro de graffiti.
Como xa é tradicional no salón, os estudantes de Belas artes, xunto con outras entidades, presentan varias propostas de maquetas para a decoración dos espazos nos que se van a realizar as diferentes actividades. A idea forma parte da materia Didáctica das Artes Plásticas impartida pola profesora Paloma Blanco, quen explicou que “este ano os alumnos fixeron un proxecto creativo para unha instalación artística na sala onde actuarán os contacontos”. De todos os traballos realizados na clase, os encargados do evento escollen aqueles que son máis viables tanto económica como tecnicamente e, neste caso, tres foron os elixidos. Un deles é o que decora a entrada do salón, outro unha esquina e finalmente o obxectivo da proposta, o que ambienta a sala dos contacontos. Segundo comentou Paloma Blanco, “trátase dunha iniciativa moi interesante, aos alumnos encántalles porque é un xeito de achegarse aos rapaces, de coñecer como aprenden e que saben da arte”.
Aínda que soamente se elixen algúns dos traballos presentados, o resto das maquetas amósanse ao público nunha exposición montada no Pazo da Cultura de Pontevedra que se pode visitar ata o vindeiro 16 de marzo. A mostra, chamada Maquetas a mares, está baseada no motivo principal desta edición, o mar, ao que se fai referencia en todas as obras.

A novidade: obradoiro de graffiti

Nesta novena edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a novidade ven da man dun alumno de Belas Artes, Alexis Parada, coñecido como Ras. Este novo artista da rúa colabora no evento impartindo un obradoiro de graffiti dirixido principalmente ao público xuvenil. Como explica a encargada de prensa do salón, Teresa Cuíñas, “o sector dos adolescentes estaba un pouco desatendido e por iso quixemos incluír este ano actividades especiais para eles”. O taller conta cunha parte teórica que pretende achegar ao espectador a historia do graffiti desde unha perspectiva mundial, europea, española e galega. Por outra banda, ten unha vertente práctica para familiarizar aos alumnos coas técnicas e recursos máis comúns desta disciplina.
Tanto os responsables do salón como o encargado do obradoiro, Alexis Parada, están moi satisfeitos coa iniciativa que “comezou un pouco tímida pero cada día hai máis xente que quere participar nela”, sinalou Teresa Cuíñas.
Este venres día 2 de febreiro, terá lugar a derradeira sesión de graffiti que estará acompañada por un concerto do grupo Os Trasnos de Moscoso no recinto feiral a partir das 21.00 h Para todos aqueles que desexen participar no obradoiro, a entrada é libre e pódense consultar os horarios na web: www.salondolibro.org

Unha breve historia

A primeira edición do salón celebrouse no ano 1999 respondendo á iniciativa dun grupo de persoas que devecían por un espazo que servise de punto de encontro entre o mundo dos libros e o mundo dos lectores e lectoras máis novos. A Concellaría de Cultura sintonizou co proxecto e apoiouno con medios estruturais e económicos, pasando a converterse posteriormente na entidade promotora. Desde aquela data ata hoxe, foron oito edicións nas que se medrou en todos os sentidos: na superficie dedicada, nas exposicións, na ambientación, nas actividades, no número de entidades participantes, en complexidade e, naturalmente, en resultados en canto a número de visitantes e proxección social e educativa.