DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mário Rui Neves analiza na súa tese de doutoramento a preparación psicolóxica neste deporte

Os anos non son un problema para o alpinista profesional

A experiencia persoal, a autoconfianza e o control emocional son claves para sobrevivir na alta mont

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 14/09/2011

A diferenza de outros deportes nos que cumprir 40 anos supón a obrigada retirada da práctica profesional, no caso do alpinismo, a madurez xoga con vantaxe. Así o constata Mário Rui Neves na súa tese de doutoramento presentada na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, na que destaca que os alpinistas compiten na elite con máis de 40 anos. “O alto rendemento no alpinismo mantense en idades de máis de 35 e 40 anos, momento no que as capacidades físicas comezan a estar en declive”, o que pon de manifesto que ademais da esixencia física e técnica, “a preparación psicolóxica é decisiva no rendemento do alpinista para superar con éxito situacións complexas”. Trátase dunha investigación innovadora, pois como aclara Neves, “a pesar de que o alpinismo é un deporte tradicional, foi pouco estudado sobre todo no que respecta aos factores psicolóxicos implicados”.

O factor clave da práctica deste deporte é a experiencia persoal do alpinista, “que está relacionada directamente coa idade”. Tanto é así que o investigador conclúe que a madurez “ten un papel moi influínte sobre outras competencias psicolóxicas, sobre todo na construción da autoconfianza, no control emocional, na concentración e na capacidade de avaliar e reaccionar ante situacións de alto risco”. Así Neves constata que as condicións psicolóxicas son tan necesarias no deportista como a preparación física e o coñecemento técnico.

Actitude positiva ante situacións de tensión

Nun ambiente de alta montaña con superficies hostís como neve, roca ou xeo, son frecuentes episodios complexos, de incerteza e de tensión. Para facerlles fronte e tomar decisións acertadas, os alpinistas recorren principalmente ás estratexias de coping, que consisten en exercicios mentais aplicados tanto para buscar solucións como para controlar as emocións. “Estamos ante unha técnica psicolóxica que lles permite analizar a situación para reducir o desequilibrio percibido con respecto ao ambiente e para controlar os pensamentos negativos, optando por unha avaliación positiva do adverso”, explica o investigador.

Entre outras variables analizadas, o estudo tamén recolle o proceso de aprendizaxe do alpinista, “converténdose na principal fonte de coñecemento a práctica deliberada e regular con compañeiros alpinistas máis experimentados”, aclara Neves. A especialización soe comezar na adolescencia e o desafío, a motivación, o gusto pola natureza e pola aventura “semellan ser os motivos principais para manter o interese ao longo dos anos pola exploración das montañas”.

Para este proxecto de investigación, Neves entrevistouse con alpinistas de elite, tanto de nacionalidade española como portuguesa. Todos os deportistas participantes no estudo “presentan unha grande experiencia e un bo currículo no alpinismo coa realización de vías de dificultade alpina nos Alpes e nas máis altas cordilleiras do mundo”, tal como apuntan os criterios da Unión Internacional de Asociacións de Alpinismo, UIAA.