DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O día 2 de xullo arrancará a segunda campaña da Universidade neste xacemento

Os arqueólogos volven a Armea para descifrar o seu significado

Unha vintena de persoas escavarán 300 metros cadrados arredor da estrutura descuberta

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 27/06/2012

Chegou o verán, chegou o bo tempo e para os arqueólogos é o momento de deixar o traballo de laboratorio e pórse mans á obra nas escavacións. É o caso do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, que estes días ultima no campus de Ourense a campaña que realizará este verán, por segundo ano consecutivo, na estrutura rupestre descuberta no Monte do Señoriño de Armea por Manuel Losada, veciño de Allariz. Un equipo de técnicos da Universidade e 18 voluntarios e voluntarias traballarán do 2 de xullo ao 10 de agosto cos obxectivos principais de ampliar a zona descuberta do xacemento, de facer unha sondaxe para coñecer as dimensións totais do complexo arqueolóxico e sobre todo coa intención de definir cal foi en realidade a función e usos dese lugar, nado probablemente no século I, e do que aínda falta por descifrar a cuestión fundamental de para que foi creado.

Esta segunda campaña forma parte do proxecto de posta en valor do complexo arqueolóxico, historico-artístico e natural de Armea, en Santa Mariña de Augas Santas, iniciado o ano pasado co financiamento do Concello de Allariz e a colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo e da Vicerreitoría do campus de Ourense. “Sabemos xa que se trata dun xacemento galaico-romano, probablemente fundado na época de Augusto, no cambio de era, arredor do século I. Agora o que queremos é descubrilo na súa dimensión e entender para que era empregado, saber cal era a súa funcionalidade, se era habitacional, se era de culto, como a priori se pensou, ou se tiña outro uso. De momento non descartamos ningunha hipótese sobre este lugar”, explica Adolfo Fernández, director da campaña arqueolóxica.

Moito traballo de campo

O equipo técnico da escavación estará formado, ademais de por Adolfo Fernández, por Fermín Pérez, director do Laboratorio de Arqueoloxía; polos arqueólogos Martiño Vázquez e Montserrat Delgado e pola conservadora Marta Lago. Con eles estarán 18 voluntarios, estudantes de Historia principalmente das universidade de Vigo e Santiago de Compostela pero tamén doutras zonas. “Debido á expectación que rodea a este complexo arqueolóxico tivemos solicitudes de toda a xeografía estatal, desde Barcelona e Madrid ata Salamanca e Extremadura”, explica Fermín Pérez.

O director da campaña destaca que o primeiro que fará este equipo “será ampliar a escavación en área para todas as zonas posibles. O ano pasado abrimos o xacemento uns 187 metros cadrados e agora queremos amplialo uns 300 metros cadrados. Necesitamos delimitar ben o complexo arqueolóxico para poder estudalo correctamente”. Tras esta escavación, o equipo procederá a realizar as intervencións de conservación preventivas necesarias para garantir o estado das zonas descubertas e tamén para que poidan ser visitadas. Alén destas tarefas, os técnicos do campus de Ourense tamén realizarán no mes de agosto e durante dúas semanas unha campaña de sondaxes valorativas por todo o Monte do Señoriño para poder delimitar de xeito global ata onde pode abranguer o xacemento. “Pensamos que os restos se poden estender por todo o monte, por arredor dunha hectárea de terreo, unhs 10.000 metros cadrados. Con estas sondaxes intentaremos identificar os límites do xacemento”, explica Adolfo Fernández.

E moita divulgación

Ao igual que na campaña do ano pasado e seguindo na liña de divulgación do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, os responsables do proxecto salientan que unha vez máis se coidarán de xeito especial as actividades de difusión da intervención. “Queremos que sexa un traballo arqueolóxico moi visible e transparente, que teña as súas portas abertas a todos os interesados e que teña repercusión no concello, na súa propia contorna”, explica Fermín Pérez. Deste xeito, unha vez máis o Concello de Allariz organizará durante a celebración das escavacións visitas guiadas ao xacemento, onde as persoas interesadas poderán coñecer de primeira man os traballos que se están facendo e ver a evolución da descuberta das estruturas de Armea. Ademais, repetirase a xuntanza do equipo arqueolóxico cos veciños da zona para presentarlles o estado do proxecto e as actividades que se realizarán este verán, como un xeito de facelos partícipes del. Por último, os arqueólogos irán dando conta do desenvolvemento da campaña a través dos espazos web do proxecto, principalmente a través do seu blog.