DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar os días 19, 20 e 23 de outubro

Os campus de Ourense e Vigo acollerán un curso sobre a elaboración do informe de sostibilidade empresarial

Ofrecido polo grupo Gen co apoio da Xunta de Galicia e o Ministerio de Trabajo y Economía Social

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Cursos
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 13/10/2023

Os campus de Ourense e Vigo acollerán este mes a celebración de tres sesión do curso Elaboración do informe de sostibilidade empresarial, organizado polo grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo co apoio da Xunta de Galicia e do Ministerio de Trabajo y Economía Social. Con aforo xa completo, participarán nesta cita unha trintena de persoas en cada edición. A primeira delas terá en Ourense, o xoves 19 de outubro na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, para continuar logo en Vigo o 20 de outubro na Facultade de Comercio e o 23 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Nos próximos anos, indican dese a organización da actividade, moitas empresas galegas (unhas 1800) estarán obrigadas a publicar informes anuais de sostibilidade (ESG) ambiental, social e de bo goberno, de acordo cunha nova directiva europea vinculada aos obxectivos do Green Deal. Porén, engaden, as empresas precisan profesionais que coñezan estas novas obrigas. Neste contexto, o curso, de balde, ten como obxectivo ofrecer ás persoas participantes (alumnado, persoal docente e investigador e profesionais) os coñecementos necesarios para ser capaces de deseñar e avaliar os contidos destes informes.

O curso será impartido por Miguel Rodríguez, catedrático de Economía; Ernesto López, profesor titular en Economía Financeira e Contabilidade, e Belén Fernández, catedrática de Economía Financiera e Contabilidade. A formación contará cunha sesión introdutoria de contextualización e descrición do deseño xeral do informe de sostibilidade dunha empresa, prestando especial atención ao concepto de dobre materialidade e ás necesidades de información comúns para cada bloque do ESG. A sesión práctica consistirá en analizar os contidos dos informes publicados por empresas galegas baixo o modelo de informe non financeiro e identificar a información adicional que debe ser incluída nos novos informes de sostibilidade. Trátase de información ambiental (cambio climático, contaminación, auga e recursos mariños, uso de recursos e economía circular, biodiversidade e ecosistemas); información social (traballadores, consumidores e comunidades afectadas) e información de gobernanza (ética).