DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza en Ourense o curso de verán Mulleres, Coidados, Benestar Social

Os coidados, un dos grandes retos pendentes do século XXI

Os expertos salientan que arredor do 90% dos coidados recaen nas mulleres

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 28/06/2011
“Arredor dun 90% dos coidados en España recae nas mans das mulleres e a maioría das veces dun xeito non remunerado”. Con esta contundente cifra Mari Álvarez Lires, profesora da Universidade de Vigo, comezaba o curso de verán Mulleres, Coidados, Benestar Social, que desde este martes e durante toda a semana se celebrará no campus de Ourense. O seu obxectivo, afondar na realidade dos coidados, a dependencia e a necesidade de que se inclúan na axenda política.

O curso, coordinado pola profesora Purificación Mayobre e o Seminario Interdisciplinar en Estudos de Xénero SIEX, foi inaugurado este martes coa presenza dos representantes das entidades patrocinadores da iniciativa, como son María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; José Luis Baltar, presidente da Deputación de Ourense; e Margarita Martín, concelleira de Benestar Social do Concello de Ourense. Todos eles felicitaron aos organizadores pola iniciativa e salientaron a necesidade de avanzar neste eido para unha sociedade máis xusta.

“Un dos grandes retos da sociedade do século XXI é os coidados. Todos, dun xeito ou doutro, precisamos coidados e todos somos máis ou menos dependentes. Tradicionalmente a muller encargouse destes coidados pero hoxe en día nin pode nin quere seguir facéndoo”, destacou Purificación Mayobre. Para cambiar esta situación, a profesora apunta a necesidade de repensar os coidados como un elemento clave para a sustentabilidade, reflexionar sobre a súa inclusión na axenda política, poñer de manifesto os seus beneficios para o mercado e a sociedade e desvelar a “falsa neutralidade” das análises políticas, sociais e económicas neste eido.

Sustentabilidade e xénero

Trala inauguración oficial, Álvarez Lires foi a encargada de dar a primeira das conferencias, en substitución da catedrática Mary Nasch, ausente por motivos de saúde. A profesora fixo un achegamento á cuestión do xénero e a sustentabilidade partindo da premisa de que as mulleres, en todas as épocas e xeografías, sempre contribuíron ao desenvolvemento sostible. “Hoxe en día non é posible acadar o desenvolvemento sostible sen cambiar o modelo de desenvolvemento dominante neoliberal e sen ter en conta as potencialidades das mulleres”, advertiu.

Mari Álvarez chamou a atención sobre o feito de que na actualidade o 90% dos coidados recaen en mans de mulleres e en boa parte sen remuneración. Sobre a parte que si está remunerada, advertiu de que na época de bonanza económica se recorreu á delegación de parte do traballo coidador en traballadoras pero coa crise económica un dos primeiros gastos dos que se prescinde é deste tipo de servizos, correndo risco a muller de ter que volver a asumir de novo todas as funcións de coidado do fogar e dun xeito non remunerado.

O curso de verán, que celebra este ano a súa primeira edición, continuará ata o venres día 1 de xullo coa asistencia de 50 persoas dun perfil moi variado que abrangue educadores, traballadores sociais, estudantes e outras persoas interesadas neste eido. Ademais de conferencias a cargo de sociólogas como Raquel Martínez Buján, Nora Rätzel e Iria Vázquez, haberá obradoiros e unha exposición titulada Dependencias Mutuas.