DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o traballo Fin de Grao de Paula Lamoso, egresada en Dirección e Xestión Pública

Os concellos presionan en Europa pola defensa dos intereses locais

A investigación foi premiada pola Deputación de Pontevedra, na rama de Ciencias Sociais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 08/07/2011

Demostrar que as entidades subestatais galegas, como concellos e deputacións, conseguen intervir nas decisións europeas mediante o exercicio do public lobbying para loitar polos seus intereses, permitiulle a Paula Lamoso, graduada en Dirección e Xestión Pública na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, acadar o premio de investigación da Deputación de Pontevedra na categoría de Proxectos Fin de Carreira da rama de Ciencias Sociais. Un galardón valorado en 1800 euros que Lamoso recibiu con moita alegría “xa que non mo esperaba para nada e tamén pola satisfacción de ver recoñecido o traballo realizado”.

Neste traballo fin de grao Paula Lamoso foi quen de comprobar que existe o fenómeno de public lobbying o que se traduce como “calquera acción levada a cabo por un concello fóra do seu territorio competencial co fin de conseguir unha posición favorable aos seus intereses tanto políticos como económicos”, explica a investigadora. No caso galego, comenta que está a suceder dunha forma moi notable pois “dende que nos constituímos como comunidade autónoma son frecuentes as viaxes de políticos aos centros de poder para establecer vínculos entre as súas entidades municipais e Europa”.

As entidades locais recorren a este tipo de fórmulas de lobby porque, aínda que dende Europa están recoñecidas como tal, “non contan de facto cun estatus forte que lles permita influír de maneira clara” e optan por aliarse entre elas. Engade ademais que moitas das medidas aprobadas no contexto europeo afectan directamente a competencias asumidas por estes organismos supramunicipais, “polo que deberían ser elas as encargadas de expor as vantaxes e os inconvenientes desas decisións”.

Sedes en Bruxelas e asociacionismo

Recolle o traballo ademais que cada vez son máis os concellos e deputacións galegas con oficinas propias de representación en Bruxelas “para estar máis próximos e atentos ás novidades e conseguir os mellores beneficios para as súas respectivas cidades e vilas”. Co fin de consolidar a presión exercida en Europa, os organismos asócianse con outros semellantes, “buscando alianzas fóra dos propios territorios con outras entidades con semellantes problemas para poder ser máis fortes á hora de defenderse, para buscar fondos monetarios e para defender as súas culturas”. Así, en Galicia naceron asociacións como a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas, o Arco Atlático, Rexións Converxencia en Camiño da Cohesión, o Eixo Atlántico...No territorio galego adquire especial relevancia a colaboración con Portugal, “responsable dun gran número de movementos asociativos que traen como resultado numerosos fondos e proxectos”.

Próximo obxectivo, a tese de doutoramento

Lamoso declara que recoñecementos como o da Deputación de Pontevedra anímana a continuar co labor investigador. Así, despois do Máster sobre Integración Europea na Universidade Autónoma de Barcelona que está a piques de rematar, continuará coa súa formación matriculándose nun programa de doutoramento para estudar o tema do smart power, “ou poder intelixente, que se refire ao uso estratéxico da diplomacia combinado coa forza militar para lograr unha estratexia vencedora”.