DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un terzo da programación deste ano celebraranse fóra da cidade de Ourense

Os cursos de verán saen do campus para achegarse a pequenos concellos

A actividade comezará o vindeiro 5 de xuño en Xinzo de Limia

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 30/05/2012

Cada día máis a Universidade busca estreitar a súa relación coa contorna e incrementar a transferencia do coñecemento que se produce nas aulas e laboratorios universitarios. Unha das fórmulas para acadalo é organizar actividades fóra dos habituais escenarios académicos. Nesta liña de traballo, un terzo dos cursos de verán que este ano organiza o campus de Ourense trasladaranse a diferentes concellos da provincia, como son Xinzo de Limia, Celanova e Os Muíños.

A programación 2012 dos cursos de extensión universitaria foron presentados este mércores por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense. Os responsables das dúas institucións, acompañados polos coordinadores e representantes dos diferentes programas, foron os encargados de presentar esta edición, na que haberá nove cursos, cun total de 514 prazas, que afondarán en temáticas que abranguen desde a fiscalidade por Internet ata a cata de viños. A actividade comezará o día 5 de xuño e prolongaranse ata o 28 de setembro.

A importancia da descentralización

“É importante salientar que os cursos están deseñados non só para achegar as súas temáticas aos membros da comunidade universitaria, senón tamén á cidadanía en xeral e dun xeito especial a pequenos e medianos concellos da nosa provincia”, salientou María Lameiras durante a presentación. Abrindo a Universidade a outros contextos e colectivos, a vicerreitora do campus explicou que se dá un paso máis no obxectivo de facer visible e incrementar a contribución da institución académica á sociedade.

Na mesma liña, Rosendo Fernández fixo fincapé en que “é notoria a descentralización do coñecemento” que propón esta edición dos cursos de verán e quixo salientar os beneficios deste deseño “pois nunha provincia tan dispersa como a nosa temos que intentar chegar a todos os recunchos”. Alén das posibilidades que ofrece esta dispersión xeográfica, o vicepresidente da Deputación Provincial salientou ademais a calidade e diversidade dos contidos abordados e animou á cidadanía a aproveitar esta oportunidade para ampliar coñecementos nunha época na que tradicionalmente non hai moita actividade.

Audiovisual, medio ambiente e moito máis

Fóra da cidade de Ourense celebrarase o curso Inés de Castro e a súa época, que terá lugar na Casa da Cultura de Xinzo de Limia e no que se afondará na apaixonante vida desta figura histórica nada na Limia no século XIV e que de xeito póstumo foi declarada raíña de Portugal. Outro curso, dirixido por Miguel Anxo Fernández, trasladará aos asistentes a Celanova para falar da Crise vs. creatividade e os novos retos do sector audiovisual. Xa no mes de setembro terá lugar no Concello de Muíños o curso Ecodesenvolvemento e o medio ambiente no Xurés.

Alén destas iniciativas, no campus celebraranse outras seis propostas que abranguerán temas como a cata de viños, augardentes e licores; a biomasa; a planificación e estratexias fiscais do contribuínte; o diñeiro e o deporte a través do cinema; a fiscalidade aplicada e Internet e a crise dos estudos de humanidades e a tradición do galeguismo á luz de Nós. A inscrición está aberta aos membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela que o desexen. Dependendo das características de cada proposta, o custe oscila entre os 30 e os 60 euros, con descontos para determinados colectivos, e o número de horas varía de 20 a 40, podendo optar a créditos ECTS.