DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ciclo de cine AUGAL proxecta por primeira vez este filme de animación na cidade

Os dous Goya de ‘Arrugas’ visitan o campus pontevedrés

Ángel de la Cruz, profesor do Máster de Contidos Audiovisuais, e o produtor Manuel Cristóbal present

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 08/05/2012

Este martes, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación tivo que reservar dúas butacas máis no seu salón de graos para dous visitantes “moi especiais”. Os dous premios Goya da película de animación Arrugas estiveron no centro da man do seu guionista e profesor no Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais da Universidade, Ángel de la Cruz e do seu produtor, Manuel Cristóbal. Novos convidados ao ciclo de cine AUGAL 2011-2012, promovido polo Consorcio Audiovisual de Galicia co apoio do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, os dous profesionais compartiron co alumnado os segredos dunha produción “que logrou un recoñecemento que pon ao xénero da animación a altura de calquera tipo de cine”, declarou Ángel de la Cruz tras recibir o Goya ao mellor guión.

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación tivo a honra de ser o primeiro espazo da cidade de Pontevedra en acoller a proxección de Arrugas, “estrenando o filme como nunha sala de cine convencional”. Aínda que o profesor Miguel Anxo Fernández, promotor desta iniciativa xunto con Anna Amorós, fixo alusión á falta de políticas de distribución do cinema “made in Galicia”, o guionista Ángel de la Cruz sinalou a idoneidade de estrear a peza nun contexto universitario “xa que eu son profesor aquí e é un exemplo máis de como os profesionais chegamos á docencia da man do audiovisual”.

Cal é a fórmula do éxito?

Dous premios Goya por mellor película de animación e por mellor guión adaptado; mellor película de animación europea e, recentemente, cinco Mestre Mateo por mellor dirección artística, mellor son, mellor música orixinal, mellor longametraxe de animación e por mellor guión. Para conseguir este palmarés, “cal é a fórmula do éxito?”, preguntouse o alumnado, cuestión que de la Cruz desmitificou por completo aclarando que a receita reside en ser “o máis honesto posible”. Engadiu que neste proxecto audiovisual “coincidimos profesionais cunha certa sensibilidade cos temas da vellez e da enfermidade do alzhéimer polo que supoño que o acerto recaeu en que conseguimos trasladar ese sentimento ao espectador”. Sinalou ademais que, grazas á docencia, mantén contacto coa xente nova que está comezando na profesión “que me axudan a non perder a perspectiva e a manterme ao día dos seus gustos e inquedanzas, xa que nestes momentos son os que maioritariamente consumen audiovisual”.

Aínda que de la Cruz é consciente da situación complexa que está vivindo o sector audiovisual en xeral, si que apuntou que, dentro deste contexto de crise, “o da animación é o que máis logros e satisfaccións está dando polo momento a Galicia polo non hai que perder a esperanza”. O Goya ao mellor guión que recibiu Ángel de la Cruz por Arrugas converteuse no primeiro premio a unha película de animación fóra da súa categoría e competindo con guións de ficción, “o que abre unha nova porta para que outros proxectos destas características consigan recoñecementos noutras seccións, incluso na de mellor película”, apuntou.

A derradeira cita con AUGAL 2011-2012 está prevista para o próximo martes 15 de maio coa proxección do documental Banaras Me que será presentado polos seu guionista e produtora, David Varela e Lola Martínez.