DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os “Emigrados” de Teatro de Ningures, trouxeron ao campus a realidade do éxodo galego

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI DUVI 07/11/2007

A compañía galega Teatro de Ningures presentou este mércores no Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria a súa obra “Emigrados”, dentro da programación cultural para este cuadrimestre da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes.
“Emigrados” fai un chamamento ao público e, en xeral, a Galicia actual para que non esquezan a realidade socio cultural e económica do éxodo galego ao longo do século XX. Este é un proxecto composto arredor de cinco textos base doutros tantos autores galegas contemporáneos coa súa propia visión do fenómeno migratorio. Entre estes autores atópanse nomes tan represetantivos da arte e cultura gelega como Suso de Toro, Candido Pazó, Xosé Manuel Pazos, Anxos Sumai e Sonia Torre.
Sonia Rúa, Santiago Cortegoso, Mónica Camaño, Fran Paredes, Salvador Del Río e Casilda García, compoñen o reparto desta obra, baixo a dirección de Etelvino Vázquez.
Con vinte anos de traxectoria, Teatro de Ningures é unha das compañías galegas máis sólidas e estables e unha referencia do teatro feito en Galicia. Nestes tempo as postas en escena son arredor de vinte, montaxes tanto de autores clásicos como contemporáneos, tanto galegos coma estranxeiros.

A programación de teatro de rúa continúa con Trasno

Este xoves volve ao campus de Vigo o teatro de rúa coa actuación de Trasno. O Centro Comercial de Cidade Universitaria acollerá a posta en escena a partir das 14 horas un espectáculo cómico pero, ao tempo, reflexivo sobre a condición humana .
Con cinco anos de experiencia en rúas e prazas de todo mundo, Trasno é un personaxe que naceu da man de Pablo Reboleiro no ano 2001. En Londres estudou na Escola de Circo The Circus Space durante catro anos, onde puxo en marcha o seu actual espectáculo co que xa xirou pola India, Brasil, Rusia e Arxentina. Trátase dun espectáculo cómico co cal a xente se identifica e participa, con situacións hilarantes, outras que tocan o corazón e outras que “pinchan” un pouquiño, porque falan de nós mesmos, e non de todo ben.