DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universitario Campus de Ourense feminino non consegue o liderado a pesar da vitoria esta fin de se

Os equipos de baloncesto manteñen os seus resultados desiguais na recta final da liga

O conxunto masculino acumula a súa cuarta derrota consecutiva

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 30/04/2012

As ligas de baloncesto nas que participan os equipos do campus de Ourense están xa na súa recta final e nesta última etapa os conxuntos universitarios manteñen as que foron as súas notas características ao longo desta tempada. Despois dos encontros disputados esta fin de semana, o Universitario Campus de Ourense feminino continúa segundo na dura loita co Arxil Mafari Café polo liderato da súa competición. Pola súa banda, o masculino acumula a súa cuarta derrota consecutiva nunha liga que lle está resultando especialmente costa arriba aos xogadores que adestra Javi Pérez.

As xogadoras enfrontáronse o sábado contra o ED Lourenzá Ensino, ao que gañaron 77-67 puntos. Con este resultado as ourensás acumulan a súa terceira vitoria consecutiva e acurtan distancias co líder da liga, o Arxil Mafari Café, que conta cunha unha vitoria a maiores. Deste xeito, os dous equipos manteñen ata o último momento a súa loita por facerse coa copa da 1ª División Autonómica Feminina na que participan esta tempada.

Na 1ª División Sénior Masculina a competición non é tan favorable para o equipo universitario do campus de Ourense. Os xogadores que adestra Javi Pérez, que están a pagar a inexperiencia nunha liga á que ascenderon esta tempada e as numerosas lesións padecidas, acumularon esta fin de semana unha derrota máis. O Universitario Campus de Ourense masculino xogou contra o Clube Baloncesto Xove e perdeu cun marcador final de 75-68 puntos. Con este resultado os ourensáns mantéñense no posto 11 da liga, con 10 vitorias e 15 derrotas.

Categorías inferiores

Tamén xogaron esta fin de semana as categorías inferiores, tanto de baloncesto coma de rugby. O Campus Ourense Blanco Amor de baloncesto júnior gañou o domingo ao Peleteiro 45-40 puntos, un resultado que sitúa aos ourensáns no posto oitavo, con 9 vitorias e 13 derrotas. Pola súa banda, en rugby e xa co primeiro equipo coa liga rematada, os xogadores da categoría infantil enfrontáronse aos Ingleses nun partido que rematou cun marcador final de 10-5 puntos e unha derrota para os rapaces ourensáns.