DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus Ourense Rugby gañou esta fin de semana ao CRAT Coruña

Os equipos de baloncesto e rugby recupéranse dos malos resultados

O Universitario Campus Ourense acadou unha vitoria fronte ao CB Tui Thermalia

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 12/03/2012

Nas últimas xornadas de liga os equipos masculinos sénior de baloncesto e rugby do campus de Ourense viñan acumulando unha serie de derrotas que os estaban afastando nas súas respectivas categorías dos obxectivos marcados a principios de tempada. Esta fin de semana os dous conxuntos acadaron a vitorias nos seus enfrontamentos. O Campus Ourense Rugby gañou ao CRAT Coruña e o Universitario Campus Ourense acadou unha vitoria fronte ao CB Tui Thermalia. Tamén tiveron bos resultados as xogadoras de balocesto feminino, que seguen a loitar polo liderato da 1ª División Autonómica Feminina.

En rugby, o campus puido celebrar esta fin de semana unha vitoria despois de que Campus Ourense Rugby encadeara varias derrotas consecutivas nas últimas xornadas de competición. Os xogadores ourensáns gañaron ao CRAT Coruña por un contundente 20-0 que lles permite manter as súas aspiracións de rematar a liga situados entre os postos altos da clasificación.

Polo que respecta ao baloncesto, na 1ª División Sénior Masculina da Liga da Federación Galega de Baloncesto, o Universitario Campus de Ourense enfrontouse o sábado ao CB Tui Thermalia nun disputado encontro que finalmente gañaron os ourensáns cun resultado final de 54-59 puntos. Con este marcador os xogadores que adestra Javi Pérez permanecen décimos na súa categoría e continúan traballando para sobrepoñerse ás baixas sufridas e a súa inexperiencia nesta división.

A vitoria do primeiro equipo foi acompañada na 1ª División Autonómica Feminina por unha vitoria do Universitario Campus de Ourense feminino sénior. As xogadoras que adestra Roberto Rapela conseguiron gañar ao Calasancias por un axustado marcador de 67-60. Con este resultado, o conxunto ourensán mantense segundo na súa liga tralo Arxil Mafari Cafe. Os dous equipos, empatados a partidos gañados e perdidos, continúan así a súa axustada loita polo liderado.

Derrotas nas categorías inferiores

En contra dos bos resultados dos equipos sénior, as categorías máis novas de baloncesto e rugby perderon esta fin de semana os seus encontros. Na 1ª División Júnior Masculina o Campus Ourense Blanco Amor perdeu o seu encontro contra o Estudantes Lugo Leyma Natura por 77-45. Pola súa banda, os infantís de rugby perderon contra o Lalín por 28-25 puntos. Unhas derrotas que se suman á do equipo feminino de rugby contra o CRAT Coruña por 0-88.