DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadaron un segundo, un cuarto e un quinto posto nos seus respectivos grupos

Os equipos do campus rematan cun balance positivo a súa participación na liga galega de xadrez

O Universitario de Ourense B consegue o ascenso a primeira división

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 22/05/2023

Este sábado os diferentes equipos do campus de Ourense participan na liga galega de xadrez disputaron a derradeira xornada de competición. Facendo un balance moi positivo da tempada realizada, desde o club destacan que conseguiron o obxectivo inicial de manterse os tres equipos nas súas respectivas categorías e de conseguir que un deles ascenda á primeira división.  

Esta fin de semana, en primeira división, o Universitario de Ourense A desprazouse ata Mos para xogar contra Mos B. Os ourensáns competiron “sen ningún tipo de presión e coa tranquilidade de ter os deberes feitos” e non acadaron ningún punto contra o equipo rival, que se xogaba o ascenso á división de honra galega. Con este resultado, o equipo do campus remata a tempada acadando un quinto posto no seu grupo.

Pola súa banda, na segunda división, o Universitario de Ourense B e o Universitario de Ourense C xogaron este sábado en Ourense contra Celanova A e Liceo de Ourense B, respectivamente, ambos con opcións de acadar o ascenso á primeira división, obxectivo polo que tamén loitaban outros clubs da mesma categoría. “Finalmente, o Universitario de Ourense C acadou un empate (2-2) e Universitario de Ourense B unha vitoria (3,5-0,5), resultando isto na consecución do ascenso deste último equipo”, afirman desde o club universitario. Deste xeito, o Universitario de Ourense B remata segundo do seu grupo e o Universitario de Ourense C cuarto do seu grupo, ambos en segunda división.

Obxectivos conseguidos

Segundo indican desde o club de xadrez universitario, “remata así unha tempada moi positiva para nós. O obxectivo inicial era evitar o descenso de categoría dos tres equipos, o que acadamos con bastante facilidade. Os tres equipos mostraron un bo nivel durante os tres meses de competición, obtendo bos resultados contra outros clubs en teoría superiores”. Así, subliñan, “os tres equipos estiveron loitando, nalgún momento das súas tempadas, polo ascenso de categoría. Esta boa dinámica de todo o club viuse finalmente recompensada co ascenso do Universitario de Ourense B. Desta forma, podemos afrontar a liga galega de xadrez do ano 2024 cun equipo en segunda división e dous en primeira”.