DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universitario Campus Ourense sénior de baloncesto gañou esta fin de semana ao Peleteiro

Os equipos universitarios comezan con bo pé a competición oficial

As xogadoras de rugby tamén acadaron unha vitoria no seu primeiro encontro de liga

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 15/10/2012
Os equipos de baloncesto e rugby do campus de Ourense están a comezar as súas respectivas ligas con moi bo pé. Esta fin de semana o Universitario Campus Ourense sénior de baloncesto xogou o seu primeiro partido da tempada e fíxoo obtendo unha vitoria fronte ao Peleteiro. Do mesmo xeito, as xogadoras de rugby tamén tiveron un excelente debut de liga, gañando con moita superioridade no marcador ao Rugby Zalaeta. Estes bos resultados animan a adestradores, equipos técnicos e xogadores a iniciar con gañas a nova tempada deportiva e manter a expectativa de, cando menos, repetir os éxitos da liga pasada.

En baloncesto

En baloncesto, os primeiros en iniciar a competición foron os xogadores sénior masculinos, que disputaron un encontro contra o Peleteiro que se saldou cun marcador final de 65-58. Con este resultado positivo o equipo que adestra Toni Garda prepara xa para o vindeiro partido fronte ao Reale Thebes, no que agarda continuar coa súa boa racha de comezo de liga. Pola súa banda, o equipo sénior feminino terá que agardar ata o vindeiro 20 de outubro para comezar a competición oficial cun encontro co ED Lourenzá Ensino. Mentres ese momento non chega, as xogadoras que dirixe Adrián Álvarez continúan adestrando e consolidando o seu equipo.

Tamén en baloncesto, a categoría júnior do campus de Ourense iniciou a súa participación na 1ª división júnior masculina, onde compiten catro equipos galegos. Con cinco encontros xa disputados, os ourensáns están terceiros na táboa, con catro derrotas e unha vitoria, esta última acadada este domingo no seu encontro con CB Tui, ao que gañaron cun marcador de 61-36 puntos.

En rugby

As xogadoras de rugby foron as primeiras en comezar a competición oficial do campus nesta modalidade. O primeiro partido da liga galega feminina enfrontou ás ourensás contra o Rugby Zalaeta nun encontro que se saldou cun resultado final de 46-10. Este marcador fai que as rapazas adestradas por Barquero e Lucas afronten con ilusión e cun equipo competitivo, mestura de veteranía e xuventude, unha nova competición na que soñan con converterse na revelación do campionato. O Campus Ourense Rugby sénior masculino terá que agardar ata o vindeiro 21 de outubro para comezar a liga oficial. A primeira xornada de competición enfrontará aos ourensáns contra o Mareantes RC. Será un encontro no que os xogadores adestrador por Américo Gomes intentarán comezar a tempada con tan bo pé coma as súas compañeiras de club.