DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A USC, con cinco vitorias, foi a primeira clasificada, seguida de Vigo con 4 e UDC con 3

Os equipos da UVigo acadan o segundo posto nos XXV Campionatos galegos de deportes colectivos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 09/03/2023

Balonmán masculino, fútbol 11 masculino e feminino e rugby masculino son as catro modalidades deportivas nas que os equipos da UVigo se alzaron coa vitoria na XXV edición dos Campionatos galegos de deportes colectivos, celebrados en Lugo, os días 7 e 8 de marzo. Estas catro vitorias outorgaron á Universidade de Vigo o segundo posto da clasificación xeral que encabezou a USC con cinco e pechou a UDC con tres. En total, os equipos da UVigo sumaron 24 puntos, fronte aos 27 de Santiago e os 21 da Universidade de A Coruña

Ás competicións, celebradas no Pazo Provincial, no pavillón do Seminario, na Casa do Deporte, no polideportivo do Palomar e o pavillón municipal, nas pistas polideportivas Gregorio Pérez e nos campos de fútbol municipais das Gándaras, a UVigo desprazou 174 deportistas e 18 técnicos. Ademais de nas modalidades nas que as e os representantes da Universidade de Vigo acadaron a vitoria, os deportistas vigueses tamén participaron en baloncesto, fútbol sala e voleibol. A competición rexeuse polo formato dunha liga entre os tres equipos que representaban a cada unha das tres universidades galegas.

Os reitores de USC e UDC e a vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, Susana Reboreda, estiveron presentes ao longo dalgún dos dous días de competición, que o Antonio López, reitor da USC, cualificou como “unha oportunidade excepcional para que os deportistas de elite compitan e compartan experiencias con outros deportistas afeccionados”.