DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un equipo de investigación analiza os factores que determinan a elección de estudos de enxeñaría

Os estereotipos masculinos provocan que as mulleres sigan sendo minoría nas enxeñarías

As alumnas brillantes de 2º de bacharelato científico decántanse por titulacións ás que lle ven unha

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 26/04/2012
O alumnado de 2º de bacharelato científico de Galicia percibe as enxeñarías como estudos duros e abstractos con imaxe masculina e o mesmo acontece coas profesións correspondentes. Ademais, con respecto ao ámbito tecnolóxico as mulleres teñen moita menor autoestima cos homes, o que provoca que, aínda que teñan expedientes brillantes, perciban moitas dificultades á hora de enfrontarse a estas titulacións. Son algunhas das conclusións dun traballo de investigación, financiado pola Cátedra de Estudos Feministas da Universidade de Vigo e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, levado a cabo ao longo dos últimos tres anos por un grupo de investigación da Universidade de Vigo. O obxectivo: coñecer por que as mulleres seguen sendo minoría nas escolas de enxeñaría (arredor do 30% - en España e en todo o mundo- con tendencia a diminuír na última década) e resaltar a necesidade de incorporalas a estes estudos para non perder talentos e aproveitar o seu potencial na resolución de problemas coma o cambio climático e a consecución do desenvolvemento sostible, aspectos nos que inciden os informes internacionais de 2011 de organismos como a ONU ou a UNESCO.

“Non é un problema de notas de corte; obxectivamente a maioría das mulleres que cursan o bacharelato científico-tecnolóxico podería acceder ás enxeñarías, pero, sen embargo, consideran que non teñen aptitudes para iso”, salienta unha das autoras do estudo, a profesora María Álvarez Lires, que asina o informe xunto ás profesoras Purificación Mayobre e Carmen Pereira e o profesor Xabier Álvarez, pertencentes ao Seminario Interdisciplinario de Estudos de Xénero da Universidade de Vigo (SIEX).

Utilidade social versus prestixio e ingresos

Os resultados da investigación poñen de manifesto que as mulleres elixen carreiras nas que o exercicio profesional implica unha relación directa con outra xente e, ademais, buscan tamén a utilidade social deste estudos, fronte aos seus compañeiros varóns que se fixan máis no prestixio social e nos ingresos posteriores. “Isto explica, en parte, que moitas mulleres brillantes en ciencias non elixan carreiras como Física ou algunha enxeñaría, senón que acaban indo, por exemplo, a Medicina”, sinala Xabier Álvarez, que subliña que, en parte, isto explica o paradoxo de que “en Enxeñaría Química e nas agroalimentarias haxa unha maioría de mulleres”.

Á vista das conclusións acadadas, cómpre facer fincapé en que segue a haber, tanto nos mozos como nas mozas, unha percepción moi estereotipada das enxeñarías. Os estudos de enxeñaría concíbense como “duros, abstractos e masculinos” e no nivel profesional relaciónanse con sectores propios do estereotipo masculino (industrial, construción, automoción…) deixando de lado ámbitos como a biotecnoloxía ou o desenvolvemento sostible, “por citar dous exemplos”, sinala Xabier Álvarez. “Os homes seguen a pensar que as mulleres non teñen interese no funcionamento das máquinas e elas conciben, produto da educación científica recibida, que a súa experiencia previa en manexo de aparellos electrodomésticos non garda ningunha relación co ámbito tecnolóxico, polo que non se ven capacitadas para iso”, mentres que “a experiencia previa dos rapaces en manexo de aparellos de bricolaxe, por exemplo, é valorada polo sistema educativo como tecnolóxica”, subliña Mari Lires.

Ademais, o contorno das alumnas (nais, pais, amigas e amigos) non deposita nelas ningunha expectativa referente a estes estudos e profesións e o mesmo acontece co sistema educativo, que non orienta ás rapazas nesta dirección. “No século XXI aínda se considera que non son estudos nin profesións axeitadas para as mulleres. Así pois, as enxeñarías fican lonxe do universo vital das alumnas”, salienta Xabier Álvarez.

Propostas de intervención

Como posibles accións dirixidas a mellorar a situación actual das rapazas de cara a elixir estes estudos, o equipo de investigación salienta a necesidade de elaborar un informe DAFO sobre as principais Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades. “Entre as debilidades podería citarse a baixa autoestima respecto ás súas aptitudes tecnocientíficas, entre as amezas estaría a persistencia de estereotipo sexistas no contorno e, entre as fortalezas, estarían as súas mellores cualificacións e a súa recoñecida capacidade para dirixir e organizar grupos de traballo”, indica Mari Lires. Despois, unha vez feita a análise, o equipo de investigación considera que habería que elaborar a estratexia pertinente “na que obviamente terán que involucrarse os poderes públicos, as institucións que se determine, o profesorado e o alumnado”, indica Purificación Mayobre.

Nesta liña recalcan a importancia de realizar unha intervención cos alumnos varóns para contribuír a eliminar os estereotipos sexistas presentes no seu pensamento e nas súas condutas, así como formar ao profesorado para que poida ir cambiando a imaxe estereotipada e positivista da ciencia e da tecnoloxía. Ao tempo advirten do perigo de caer no que Purificación Mayobre denomina “ilusión de igualdade”, en referencia a que se poida pensar que a igualdade xa está conseguida e que non hai que pór en marcha novas iniciativas para acadala.

Mostra composta por 577 mozas e mozos de toda Galicia

Para a posta en marcha do estudo elixiuse unha mostra representativa de alumnado galego de 2º bacharelato científico composta por 577 persoas, 269 homes e 308 mulleres. Desta maneira iniciaron un traxecto que non foi doado xa que apenas atoparon investigacións e informes previos. “Existen investigacións sobre a situación das mulleres nos estudos de enxeñaría, pero non no intre previo, é dicir, cando teñen que decidir que opción elixir”, explican dende o grupo.

Agora os resultados foron xa presentados en diferentes congresos internacionais, entre eles, o da Cátedra UNESCO de Ciencia, Tecnoloxía e Xénero para América Latina ou os congresos latinoamericanos de Ciencia, Tecnoloxía e Xénero “onde espertou moito interese, que se está a reflectir en solicitudes de alumnas de países como Brasil para realizar estudos de terceiro en Europa e, en concreto, na nosa Universidade, así como na colaboración coa citada Cátedra UNESCO”. Como anécdota Mari Lires conta que no congreso da Cátedra UNESCO en Bos Aires se interesou polo proxecto unha asesora da secretaria de Estado americana Hillary Clinton “outra cousa é se isto finalmente se materializará en algo e se conseguimos financiamento para continuar o estudo ”.