DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa percepción das violencias dixitais centra un estudo da Cátedra de Feminismos 4.0

Os estereotipos de xénero poden ter un “impacto profundo” na forma na que o alumnado universitario se comunica nas redes sociais

Promovéronse catro grupos de discusión para coñecer as súas visións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 08/03/2024

Un estudo levado a cabo o pasado ano no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo permitiu coñecer que o 58% do alumnado da UVigo experimentou situacións de acoso a través da rede social Instagram, que só o 17% denunciara. Esta situación de “normalización das violencias dixitais” levou aos responsables daquel traballo, o profesor da Facultade de Comunicación Xabier Martínez Rolán e a investigadora da Universidade da Coruña (UDC) Teresa Piñeiro, a continuar esta análise nun novo proxecto financiado por esta cátedra, promovida pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo. Desta volta, explican, buscaron unha “aproximación cualitativa” a esta problemática, dirixida a “entender as realidades ocultas tras estas actitudes e percepcións”, a través duns grupos de discusión nos que participaron 44 estudantes de diferentes ámbitos, 33 delas mulleres. Dirixido a “coñecer as experiencias e percepcións de toxicidade e violencia dixital”, este estudo permitiu constatar que os estereotipos de xénero “poden ter un impacto profundo na autopercepción e autorrepresentación” do estudantado, así como na forma en que este se comunica e se presenta nas redes sociais. 

Coa participación da tamén investigadora da UDC Laura Castro e de Graciela Padilla, Almudena Barrientos e David Caldevilla, da Universidad Complutense de Madrid, o proxecto Toxicidade e violencias machistas nas redes sociais dá continuidade ao desenvolvido na anterior edición da cátedra, que tivo como punto de partida a realización de máis de 600 entrevistas a estudantes dos tres campus da UVigo. “Parecíanos un resultados desesperanzadores e o suficientemente importantes como para saber por que”, sinala Martínez Rolán, e isto levou a promover catro grupos de discusión, nos que “a través das interaccións, ían aflorando certas cuestións”. Neste punto, o profesor da Facultade de Comunicación sinala que a análise destas conversas levou a observar “como se producen situacións de normalización, ou incluso de negación, desta violencia”, así como a “preocupante frecuencia” coa que as alumnas tiñan que enfrontar situacións de acoso ou violencia dixital. 

O peso dos estereotipos

Un dos obxectivos destes grupos focais foi discutir “como os estereotipos de xénero inflúen na creación e produción de contidos” nas redes sociais, constatándose como estes poden influír “na forma en que os estudantes universitarios se representan a si mesmos” nestas plataformas. Nese senso, as participantes neste estudo puxeron de relevo “a presión” que estes supoñen na súa “autopercepción e autorrepresentación” desde “idades moi temperás” e que poden levar a “sentirse obrigadas a presentarse de maneira que se axuste aos estándares de atractivo e feminidade”. 

Outro dos obxectivos era afondar nas “percepcións e experiencias de acoso e outras formas de violencia dixital”, recollendo unha serie de testemuños que levan ao equipo investigador a pór o foco na “preocupante frecuencia” destes episodios. De feito, apunta Martínez Rolán, a maioría das alumnas participantes manifestaron ter recibido "algunha imaxe sexual non desexada” a través das redes sociais. Por outra banda, as experiencias compartidas nestes grupos levan tamén ao constatar a existencia dunha “conciencia clara” respecto do que implican o acoso e outras formas de violencia dixital, así como “a necesidade de medidas preventivas e reactivas”.

Diferentes percepcións do “control dixital”

Por outra banda, detectaron unha “diversidade de perspectivas e posicionamentos” á hora de abordar o “control dixital dentro dunha relación”, atopándose tanto con estudantes que “cuestionan abertamente a natureza destes comportamentos” como alumnado que “parece aceptar certas formas de control como parte das dinámicas modernas de parella”, o que lévaos a pór o no foco na necesidade de medidas educativas “sobre as expectativas saudables e os límites nas relacións”. 

Un podcast divulgativo

Co obxectivo de divulgar os resultados deste proxecto, o equipo investigador realizou un podcast cuxos primeiros capítulos, apunta Martínez Rolán, “explican os obxectivos do proxecto e o traballo que fixemos”, a través do uso de “voces sintéticas e de intelixencia artificial”, na liña de traballo do grupo de innovación docente AcademIA. Nos últimos días incorporábase un novo episodio que, preservando o anonimato, recolle algúns dos testemuños do alumnado, e o grupo valora a posibilidade de preparar un novo capítulo con máis extractos das gravacións realizadas.