DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os estudantes de Bioloxía presentan as súas propias medidas fronte ao cambio climático

Reducir o transporte privado ao campus, entre as propostas plantexadas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Romina Vázquez DUVI 23/06/2008
Vivenda, transporte e industria son algúns dos ámbitos aos que pertencen a vintena de proxectos que os estudantes da materia Ecoloxía, pertencente á titulación de Bioloxía, desenvolveron ao longo do curso académico co obxectivo de propor solucións eficaces e economicamente viables para pór freo ao cambio climático. Trátase de evitar a expulsión á atmosfera de miles de toneladas de gases nun contexto marcado na nosa comunidade polo aumento das emisións de CO2 e outras sustancias de efecto invernadoiro.
O propio campus de Vigo entra dentro dos estudos realizados, posto que o transporte privado ata as súas facultades e centros conleva a emisión de 2.300 toneladas ao ano. Ante esta situación, os estudantes prevén que a combinación dun uso máis racional do coche co fomento do autobús e a optimización do número de aparcamentos permitiría acadar reducións do 60-70%. Con respecto ao conxunto do municipio, a proposta é substituír de xeito progresivo o parque móbil actual por vehículos híbridos, que combinan un motor de combustión interna con outro eléctrico e permiten unha maior eficiencia no uso do combustible.

Medidas para todos os ámbitos

As 1,3 toneladas de gases que unha vivenda viguesa emite anualmente pódense reducir ata un 50% mediante o emprego de electrodomésticos eficientes e lámpadas de baixo consumo. Do mesmo xeito, unha tenda de Zara na cidade consume case 9000 bolsas de papel reciclado ao ano, o que supón a emisión de 484 toneladas de CO2 orixinadas na súa fabricación. Para evitar o 98% destas sustancias nocivas, os alumnos de Ecoloxía propoñen a súa substitución por bolsas de amidón.
O gando vacún galego tampouco está libre de culpa, posto que é responsable da emisión de 2500 toneladas de metano ao ano, un gas que causa unhas 20 veces máis efecto invernadoiro que o CO2. O enriquecemento dos pasteiros con trevo branco reduciría a fermentación intestinal do alimento inxerido e, polo tanto, as emisións de gas ata un 65%.
Os proxectos levados a cabo inclúen a análise de casos concretos como son as empresas Montajes Rotelu, dedicada á construción de estruturas metálicas, e Repsol Petróleo, coa súa refinería ubicada en A Coruña. Tras estudar os seus casos, os alumnos propoñen o emprego de enerxía solar e a plantación de carballeiras, respectivamente, para axustar as súas emisións e compensalas.