DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Haberá votacións en oito centros dos tres campus

Os estudantes elixen aos seus representantes no Claustro

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 19/05/2008
Os estudantes dos tres campus están chamados este martes ás urnas para elixir aos seus representantes no Claustro para os vindeiros dous anos. En total deberían ser 75 os representantes dos estudantes neste órgano, un 30% do total, se ben quedará algunha praza vacante debido a que nalgún centro houbo menos candidatos dos que lle correspondían ou simplemente non houbo candidatos, caso da E.U. de Enxeñaría Técnica Forestal en Pontevedra.
O número de candidatos en cada centro determina, a necesidade ou non de realizar votacións, xa que só haberá urnas naquelas escolas ou facultades onde o número de candidatos supere o de prazas. En total haberá urnas en oito centros: cinco en Ourense, dous en Vigo e un en Pontevedra.

Ourense, o campus con máis candidatos

O campus que vai contar con máis urnas é o de Ourense, con votacións en Historia, Ciencias da Educación, Dereito, Ciencias Empresariais e Turismo e na ES de Enxeñaría Informática. Precisamente, a Facultade de Ciencias da Educación de Ourense é o centro onde se presentaron máis candidatos, con 14 representantes.
En Vigo haberá urnas na Facultade Bioloxía e na ETS de Enxeñaría de Telecomunicación, mentres que en Pontevedra tan só será xornada electoral para os estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación.
As urnas permanecerán abertas de 10.00 a 19.00 horas. Unha vez rematado o escrutinio, de carácter público, os presidentes das diferentes mesas remitirán ao presidente da Comisión Electoral a acta, quen, unha vez realizado o escrutinio xeral,proclamará provisionalmente os candidatos electos. Despois abrirase un prazo para posibles reclamacións e a proclamación definitiva de resultados será o vindeiro día 29.
Os estudantes elixidos permanecerán no cargo durante dous anos, unha particularidade que os diferenza do resto de membros deste órgano, que son elixidos para catro anos. En total o Claustro da Universidade de Vigo está composto por 254 membros.