DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O stand dos Martes ConVida situouse esta semana na Escola Universitaria

Os estudantes de Enfermaría tamén aprenden hábitos de vida saudables

María Lameiras e Eloína Núñez salientaron a importancia da educación para gozar de maior benestar

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 24/04/2012

Adquirir hábitos de vida saudables é algo primordial para o benestar das persoas, independentemente da súa formación. Por este motivo, o stand dos Martes ConVida do campus de Ourense visitou esta semana a Escola Universitaria de Enfermaría. A pesar de ser estudantes da rama sanitaria, o alumnado deste centro non deixa de ser un público obxectivo que, ao igual que os demais universitarios, é preciso concienciar sobre a importancia de ter unha vida sa no eido físico, psicolóxico e social.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Eloína Núñez, xerente xeral de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, foron dúas das persoas que visitaron este martes o stand promovido polo proxecto Campus ConVida. Con elas estiveron Estrella Portela, directora da Escola; Esther de Blas, delegada da Universidade de Vigo para a Escola; Reyes Pérez, docente do centro, e Julia de la Montaña, profesora da Universidade de Vigo, estas últimas responsables das actividades que se realizaban nos postos habilitados.

Dado que a Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense está situada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, María Lameiras quixo salientar a importancia de que “os centros de saúde tamén eduquen para a prevención e para que os cidadáns teñan unha vida de maior benestar e máis plena”. Do mesmo xeito, Eloína Núñez fixo fincapé no feito de que “o fomento dos hábitos de vida saudables non só afecta ás persoas maiores, senón tamén á xente nova, neste caso aos universitarios”. Por este motivo, as responsables das dúas institucións destacaron o valor desta iniciativa pioneira.

Dieta e estado físico

O alumnado que así o desexou puido achegarse a calquera das dúas mesas habilitadas na entrada do centro. Nunha delas puideron analizar a súa dieta, o seu peso e o seu índice de graxa corporal e coñecer como mellorar o seu benestar a través da alimentación, facendo fincapé na importancia de comer froita e verdura. Nunha segunda mesa, dúas enfermeiras tituladas do centro realizaron aos asistentes medidas de pulso, tensión arterial e glicemia, indicándolles ao participantes se os seus índices requirían visitar a un médico ou se estaban dentro do parámetros habituais.

Con esta visita á Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense os Martes ConVida, financiados polo Consello Social da Universidade de Vigo, continúan o seu periplo polos edificios universitarios, despois de visitar xa o Edificio Politécnico, o de Ferro e o Xuridico-Empresarial.