DUVI

Diario da Universidade de Vigo

185 participantes de 28 países danse cita no 'OurCon 2012'

Os expertos en espectrometría de masas póñense ao día en Ourense

Esta técnica emprégase por exemplo no eido médico para unha mellor detección de enfermidades coma o

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 03/09/2012

En xullo de 2011 o Grupo Bioscope da Facultade de Ciencias do campus de Ourense organizou o 2nd International Congress on Analytical Proteomics ICAP, que reuniu a 260 investigadores de 35 países. Froito do éxito daquela cita desde este luns celébrase no Hotel Laias Caldaria a Ourense Conference on Imaging Mass Spectrometry (OurCon 2012). Durante os vindeiros días 185 participantes de 28 países intentarán pór en común e avanzar na metodoloxía, aplicación e futuro desta técnica, especialmente no caso da súa aplicación médica en enfermidades coma o cancro.

A cita foi inaugurada por Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; polos profesores e organizadores do encontro José Luis Capelo e Carlos Lodeiro; por Liam A. McDonnell, da Universidade de Leiden, en Holanda; por Garry Corthals, da Universidade de Turky, en Finlandia, e por Gabriel Alén, alcalde de Cenlle. “Como ourensán, como profesor do campus de Ourense e como conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para min é unha gran satisfacción inaugurar esta xornada, que coloca a este campus non só como un referente na provincia senón tamén no ámbito estatal e internacional”, salientou Jesús Vázquez na apertura das xornadas, que coincidiron coa inauguración do curso universitario.

Segundo explicaron José Luis Capelo e Carlos Lodeiro, as xornadas reúnen a 185 participantes de 28 países entre os que destacan as representacións procedentes de Alemaña, Holanda, Canadá, USA, Xapón e Bélxica. “A espectrometría de masas é unha técnica pioneira para a detección molecular e de biomarcadores, con moitas posibilidades de aplicación en doenzas coma o cancro”, salientou José Luis Capelo. Deste xeito, apuntaron, nos hospitais estase a aplicar de xeito complementario ás histoloxías, por exemplo nas biopsias de tecidos afectados por enfermidades dexenerativas, co obxectivo de chegar a un nivel de detalle que as técnicas tradicionais non permiten.

Salto á grande escala

Ata o vindeiro día 5 de setembro os participantes teñen como obxectivo pór en común os seus coñecementos nas metodoloxías de preparación das mostras que van a ser analizadas con esta técnica, nos instrumentos que empregan, na validación de datos e na súa transformación en coñecemento útil. Deste xeito, os organizadores fixeron fincapé na importancia da transferencia do coñecemento neste eido e na súa estandarización e normalización, para acadar un mellor aproveitamento dos avances que se realizan en beneficio último da ciencia e da sociedade no seu conxunto.

A Ourense Conference on Imaging Mass Spectrometry está organizada no marco rede europea Mass Spectrometry Imaging: New Tools for Healthcare Research (COST Action). Por este motivo, durante a cita realizarase unha reunión de dita rede, na que o Grupo Bioscope actuará como representante español e coa que se pretende dar un paso para contribuír ao establecemento desta técnica na investigación clínica e farmacéutica mediante o desenvolvemento de protocolos estandarizados e o fornecemento de recursos e capacitación necesarios para a súa adopción a grande escala.