DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Miguel Anxo Fernández analiza o sector nun estudo publicado polo Consello da Cultura Gale

Os festivais galegos, a mellor ferramenta para dar a coñecer o cinema feito no país

A dependencia das axudas públicas marca un medio fortemente golpeado pola crise

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 23/09/2013

A promoción e a difusión do cinema galego dentro das propias fronteiras do país é a alternativa real, máis inmediata e efectiva para promover este produto audiovisual, recorrendo sempre ás redes de festivais, mostras e certames que se desenvolven ao longo de todo o ano en Galicia. Tal e como recoñece o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Miguel Anxo Fernández, nun estudo publicado polo Consello da Cultura Galega, a pesares do recoñecido prestixio acadado por estes festivais ( Cineuropa e Amal en Santiago de Compostela, o Festival Internacional de Ourense, o Play-Doc en Tui, Cans en Porriño ou o certame Xociviga no Carballiño) os recortes derivados da crise económica son “unha seria ameaza para a supervivencia de moitas destas iniciativas ao non estarmos o suficientemente concienciados de que o cinema e o audiovisual dun país é fundamental para a transmisión do seu ser e da súa cultura”.

Para lograr unha proxección exterior do cinema galego, no estudo titulado Cine: A evolución do sector en Galicia, o profesor e crítico de cinema destaca “a necesaria colaboración institucional, tanto para acadar a presenza nos mercados por parte das produtoras e filmes, como nos certames e festivais aos que os produtos acoden a competir ou amosarse”. Como ben explica Fernández, ata xuño de 2012 esta competencia pertencía ao extinguido Consorcio Audiovisual de Galicia, con accións de promoción no exterior en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), baixo a cobertura da marca Films from Galicia. Na actualidade, é a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a que segue a traballar nesta liña “convocando anualmente axudas públicas dirixidas ao sector, tendo como prioridade a creación, produción e distribución dos produtos culturais galegos e favorecer o desenvolvemento e consolidación dun tecido empresarial sólido”. Mais, coas axudas institucionais “non se cobren todas as necesidades do sector que debe procurar alianzas no exterior xa que a produción está globalizada e producir en termos de mercado interior, ademais de ruinoso, semella insuficiente”, incide o crítico de cinema.

Animación con selo galego

Entre os anos 2010 e 2011 o auxe do cinema en Galicia ten o seu principal reflexo no eido da animación que despuntou de xeito considerable no panorama estatal dos últimos dez anos, “con numerosos premios Goya na especialidade, recibidos de xeito continuado, e dúas empresas líderes, Bren Entertainment do Grupo Filmax e Dygra Films como estandartes principais”, comenta Miguel Anxo Fernández. Na actualidade, a primeira destas produtoras xa non realiza este tipo de proxectos e a segunda desapareceu despois de presentar en sociedade grandes éxitos como O bosque animado ou Soño dunha noite de verán. Aínda que a situación da animación galega non é a mesma que hai tan só un par de anos “é certo que hai outras produtoras moito máis pequenas que seguen a traballar nesta liña e exemplo disto son filmes como O Apóstolo (Artefacto Produciones) ou Enrrugas (Perro Verde Films)".

Neste bienio tan produtivo para o sector en Galicia tamén salienta a maior presenza internacional do produto propio en numerosos festivais e mercados, o auxe do formato documental de longametraxe, a medra na realización de tv movies ao abeiro da Televisión de Galicia ou a incorporación do sector ao eido dos contidos para as novas plataformas de videoxogos. A maiores, o profesor da Universidade de Vigo incide tamén na aparición dun grupo de novos cineastas agrupados baixo a etiqueta de Novo Cinema Galego entre os que destacan Oliver Laxe ou Xurxo Chirro.

Crebinsky, Cela 211 e The Way

Para Miguel Anxo Fernández o filme Crebinsky (2011) é un claro exemplo do modelo de produción low cost que puxo en auxe por aquel entón a Axencia Audiovisual Galega “ e que tivo a virtude de sorprender pola orixinalidade do guión e mesmo polos actores”. Pola súa banda, Cela 211 (2009) “foi o éxito do cinema español no ano 2010, acadando numerosos premios e facendo de Luis Tosar unha estrela “, explica. Este filme é un claro exemplo dunha coprodución na que unha pequena empresa galega participa na rodaxe respondendo un modelo de alianzas con outras firmas do sector, unha colaboración moi necesaria para a súa supervivencia. Tamén recibiu apoio institucional a película The Way, dirixida en 2010 por Emilio Estévez e protagonizada polo seu propio pai, o actor norteameriano de orixe galego Martin Sheen, “que serviu entre outras moitas cousas para confirmar as virtudes de Galicia como plató cinematográfico ao tempo que lles permitiu aos profesionais galegos traballar nunha produción destas características e ofrecerlles a posibilidade de que adquiran experiencia no sector”, conclúe.

Descenso do número de salas

“Este é un tema espiñento”, asegura o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “Un exhibidor ten un negocio coa idea de gañar cartos e sente que isto só llo garante o cinema norteamericano. Temos que ser honestos á hora de xulgalos pero... que pasa co público? Respondemos con entusiasmo cando nos ofrecen algunha outra oferta á marxe das propostas por Hollywood? Non, rematadamente, non”, engade Fernández. Contra a situación actual do peche das salas de cinema é o público quen ten a última palabra, respondendo e esixindo outro tipo de cinema, resalta o crítico o tempo que fai fincapé no feito de que “esta é a gran materia pendente da administración galega”. Con todo, o docente destaca o labor que se está a levar a cabo dende Agadic para a creación dunha Rede Galega de Cinemas homologados que tenten suplir este tipo de carencias. Trataríase pois dunha política de estímulos aos exhibidores para que acepten ofertar outro tipo de cinema pero “a subida o IVE nos billetes e a propia crise do consumo fai que o panorama sexa máis pesimista”, engade.

No seu estudo, Miguel Anxo Fernández, salienta que o movemento en canto ao parque de salas en Galicia durante o período 2010-2011 foi considerable. Xunto co peche de cines en pequenas vilas, nas grandes cidades producíronse numerosas aperturas e reaperturas, unha tendencia que se mantén hoxe en día e que tivo repercusión nos medios de comunicación. En 2011, a comunidade contaba con 182 salas, cifra que foi mudando a ata a actualidade sen acadar nunca as 200. No que se refire á asistencia do público galego a estas salas a progresión é descendente pasando dos 7000 espectadores hai tan só dous anos. “Maniféstase esa caída as ofertas e que factores como os billetes para as sesións 3D teñen prezo máis elevado, circunstancia que xoga a prol ou en contra do volume total de ingresos de xeito conxuntural, dependendo da oferta e da calidade dos filmes tridimensionais”, explica o docente.