DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Case un 40% do alumnado galego fai as probas nalgún dos centros da universidade viguesa

Os futuros universitarios plantan cara a Selectividade coa esperanza de atopar praza na carreira desexada

A fuga de cerebros ou o teatro de posguerra foron algún dos temas aos que se enfrontaron

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Jessica Fdez. DUVI 14/09/2011
Apuntamentos, nervios e repasos de última hora eran as partículas que compoñían hoxe, a primeira hora, o ambiente da Universidade: comezaban, para 2985 estudantes de toda Galicia, as temidas probas de Selectividade. Nesta ocasión, a literatura modernista e o teatro da posguerra foron as preguntas clave do exame de Lingua Castelá e Literatura que, as dez da mañá, rompía o xeo da que sería unha intensa xornada. Tras esta primeira proba, o ambiente relaxouse e ata se podían escoitar risas e bromas entre compañeiros e tamén entre os propios docentes que, minutos antes, intentaban calmar aos seus pupilos. Aínda así, o seu principal temor aínda estaba vixente xa que, tal e como comentaba Sandra Fernández, “os nervios non se van de todo, aínda que eran máis fortes ao principio”.

E é que a realización das probas de acceso á universidade son, para moitos dos futuros universitarios, a avaliación de coñecementos máis dura á que se tiveron que enfrontar. Para a maioría, non se trata só aprobar ou suspender, senón de sacar unha determinada nota que lle permita acceder aos estudos desexados. A clave está, como dicía Andrea Carballal mentres repasaba os apuntamentos de Filosofía para o seu seguinte exame, “en prepararse ben o temario. Sempre tes medo de que xusto caia algo que non sabes ben ou temes quedar en branco, pero se realmente te esforzas e estudas, os nervios non son tan fortes”.

Opción A ou opción B?

Opción A ou opción B? Esta era a pregunta clave que se escoitaba á saída do primeiro exame de Selectividade. Todos querían saber cal era a opción que os seus compañeiros tiñan escollido para poder comentar con calma cada resposta. Nesta ocasión, a opción A tivo unha grande acollida entre o alumnado grazas a un texto de opinión escrito por José Manuel Sánchez Ron no que a fuga de cerebros era o tema principal e foi a clave de que escollera esta opción. “A temática non podería ser máis actual e o lugar, un exame de Selectividade, o máis adecuado. Pode que nos quixeran dar algunha pista para que esteamos alerta e teñamos en conta todas as posibilidades”, comenta Andrea Figueiras.

1187 matriculados en Vigo, Pontevedra e Ourense

Este setembro son 2985 as alumnas e alumnos que dende hoxe e ata o vindeiro venres se examinan ás probas de acceso á Universidade en Galicia, dos que 2950 acceden dende bacharelato e 35 dende Formación Profesional. Deste total, preto do 40%, 1187, realizan os exames nalgunha das escolas ou facultades da Universidade viguesa. No campus de Vigo a cifra de matriculados ascende a 635 que se distribúen entre as escolas de Minas e Telecomunicación; en Pontevedra a cifra é de 279 e o centro no que se examinan é a Escola de Enxeñaría de Forestais e, en Ourense, os 273 estudantes matriculados fan os exames no Edifificio Xurídico-Empresarial.