DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mercedes Peón, compositora e intérprete galega:

“Os galegos amamos profundamente a nosa cultura”

Presentou, a modo de viaxe interior, o seu espectáculo "Performance" no Concerto de Nadal do campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 15/12/2009
Performance é unha expresión dunha compositora galega. Unha muller nacida no século XX e contemporánea do XXI. Neste espectáculo vouvos falar de min mesma. Das miñas reivindicacións. Das miñas emocións máis profundas”. Con estas palabras comezaba Mercedes Peón o seu concerto na sala multiusos do Edificio de Ferro. Presentou o espectáculo Performance, unha composición artística na que todo o peso da función recae na intérprete e compositora. De feito, ela mesma define a proposta como “unha especie de suicidio artístico no cal ensino o que penso, a miña música, sen máis”. Na función a artista canta e toca a gaita, o clarinete e a percusión. O espectáculo complétase coa proxección de imaxes e fotografías que recollen os costumes e tradicións do mundo rural galego.
Con Mercedes Peón desenvolveuse o tradicional Concerto de Nadal ante un auditorio que encheu a sala multiusos e composto tanto por alumnos e profesores da Universidade como por persoas alleas ao mundo académico. A actuación forma parte do programa de actividades organizado pola vicerreitoría do campus de Ourense con motivo da Intercultural.

Recoller os cantares, bailes e contos por moitos recunchos do noso país

Mercedes Peón naceu na Coruña no ano 1967 pero o seu amor pola lingua e a cultura galega adquiriuno nas visitas á súa aldea Oza dos Ríos e a través dos seus avós maternos Antón e Carmen, galego-falantes. A artista asegura que na actualidade, e con 42 anos xa cumpridos, “cada vez me achego máis a aquela nena que ía ver aos seus avós á aldea. De feito, espero achegarme cada vez máis a aquela rapaza fresca e con capacidade de sorpresa. E oxalá siga a ter inocencia”. Cando tiña 13 anos escoitou a dúas mulleres da Costa da Morte cantar e tocar a pandeireta e, a partires de aí, comezou a recoller os cantares, bailes, contos e vivenzas por moitos recunchos do noso país.
Agora hai xa cinco anos que a intérprete non vai polos pobos recollendo pezas. Nas súas palabras, “son como unha pingueira que vén da fonte. Fun á fonte, bebín da fonte, acabei sendo pingueira e agora o único que quero é expresarme e expandirme”, asegura.

Unha intérprete que bebe da tradición máis ancestral para amosar a súa propia música

Precisamente o seu espectáculo Performance amosa esa aspiración da compositora por amosar a súa propia música, que sae do máis profundo da súa alma pero que bebe da tradición máis ancestral. Á hora de falar da cultura galega e do amor dos galegos polas nosas tradicións a súa resposta é contundente. “Os galegos amamos profundamente a nosa cultura. De feito, dos habitantes de Europa somos as persoas con máis identidade cultural. Outra cousa é o que opinemos de nós mesmos. Neste senso, penso que temos unha falta de autoestima cultural brutal que arrastramos dende hai 600 anos. Pero iso non quere dicir que sexamos pesimistas”, asegura.
Mercedes Peón pertenceu ao grupo folclórico Xacarandaina e tamén se dedicou ao ensino da música e o baile tradicional. Na actualidade, a artista coruñesa xa ten tres discos no mercado: Isué (2000), no que colaboran importantes artistas galegos como Xosé Manuel Budiño ou Anxo Pintos (Berrogüeto), Ajrú (2003) e Sihá (2007), ademais de ter composto a banda sonora da serie televisiva Mareas Vivas. E non quere nin oír falar de futuro. Nas súas palabras, “vivo o momento, o presente. Aínda me queda moito camiño por andar, e fareino da mellor maneira que sei e sen marcarme obxectivos”, declara.