DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle o 'III Ciclo de conferencias mundo hispano-atlántico'

Os grandes camiños, fontes de historias e de identidades

Julio Prada explica a mobilización social arredor da chegada do ferrocarril a Galicia

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 18/10/2012

“En tempos como os actuais, onde se fai moito fincapé nas metas, hai que lembrar que son os camiños, os tránsitos, os que configuran a historia e as identidades, os que nos fan o que somos”. Deste xeito resumía Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia do campus de Ourense, a importancia que teñen os grandes camiños no desenvolvemento das comunidades, tema de debate do III Ciclo de conferencias mundo hispano-atlántico: vías de comunicación e tráfico comercial.

Beatriz Comendador foi a encargada de inaugurar o ciclo xunto a María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e María López, directora do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo que organiza a cita. “Afondar nas vías de comunicación, desde a prehistoria ata a contemporaneidade, é afondar nun aspecto transcendental na historia de todas as sociedades. Elas foron e son os nervios polos que flúen os produtos, as persoas, o capital e o pensamento”, advertiu María López. Pola relevancia desta temática e pola calidade dos relatores, María Lameiras quixo felicitar aos organizadores do ciclo, que reuniu docentes das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Lisboa e Madrid e da UNED.

O papel do ferrocarril

O comercio atlántico durante a transición da época de bronce á de ferro; o tráfico comercial na fachada atlántica ibérica en época romana e tardoromana; a protección patrimonial dos camiños históricos; as pontes históricas e as vías de comunicación; a peregrinación a Santiago de Compostela na Idade Media; e a formación do mercado interior castelán nos séculos modernos foron algúns dos temas abordados durante a celebración do ciclo. Entre eles, Julio Prada, docente da Universidade de Vigo, foi convidado a falar sobre a movilización social e a represión arredor da construción do ferrocarril en Galicia.

“A creación das grandes liñas férreas en Galicia sempre estivo vinculada a decisións políticas, pois nunca foron rendibles ao non contar cunha base industrial e poboacional suficientes. A articulación do territorio, a integración no estado e a potenciación do mercado interior foron as razóns principais que levaron á súa construción”, explica o historiador ourensán. Prada chama a atención sobre os ciclos da historia, evidenciando como o actual debate sobre as obras da chegada do AVE a Galicia xa se produciu, na súa esencia, coas primeiras grandes liñas creadas a finais do século XIX. “En 1864 unha comisión xa determinou que crear a liña Ourense-Zamora fronte a existente entón de Monforte-Palencia era un suicidio económico”, apuntou.

A pesar desta comisión, a reivindicación da liña por Ourense-Zamora continuou e a súa creación viviu diferentes avatares históricos, desde a posta en marcha en 1926 das obras por parte de Primo de Rivera ata a súa paralización pola crise económica xurdida en 1929. “O punto álxido foron as protestas de 1932, cando se produciu unha folga xeral que durou sete días e se saldou cun rapaz morto en Ourense e coa dimisión dos concellos das grandes cidades galegas, excepto o da Coruña, e dos concellos polos que pasaba o trazado”, destaca o historiador. Esta loita permitiu ao movemento sindical, obreiro e social organizarse e coller forza ata o punto de que “alí onde se estaban a construír os tramos da vía férrea é onde foi máis forte a resistencia ao golpe de estado de 1936”.