DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Ecimat acolle o XVI Exercicio de Intercomparación de Análise Elemental Orgánico, organizado polo C

Os laboratorios de Seguridade Alimentaria da Universidade de Vigo pasan a súa particular ‘auditoría’

45 universidades, centros de investigación e empresas avalían a precisión dos seus resultados

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 14/06/2013
Noemí Rey | Vigo
Poñerse a proba de forma voluntaria e comprobar “se estás facendo as cousas ben”. Ese é o obxectivo do XVI Exercicio de Intercomparación de Análise Elemental Orgánico (AEO), que por primeira vez organiza a Universidade de Vigo e que dá acubillo a 45 universidades, centros de investigación e empresas que buscan avaliar a precisión dos resultados dos seus laboratorios. Organizado polo servizo de Seguridade Alimentaria e Desenvolvemento Sostible do CACTI xunto coa Universidade de Barcelona, esta reunión científica anual serve para facer unha sorte de 'auditoría' interna na que, a través de distintos experimentos, os laboratorios analizan un mesmo material para comparar os resultados entre si. “Ademais de participar e competir con outros laboratorios, tes a oportunidade de reunirte con persoas que traballan no mesmo campo, algunhas con moitos anos de experiencia”, subliña Estefanía López, técnica superior de Calidade Alimentaria e unha das promotoras da xuntanza xunto con Jorge Millos.

Cuns exercicios deseñados coa vontade de “ir avanzando e aprendendo” e “avaliar a exactitude e precisión dos resultados”, ao final de cada actividade os investigadores puxeron en marcha non só discusións críticas sobre o acadado, senón tamén sesións científicas de grande interese para os participantes nas que se comparten “aspectos técnicos, métodos de mellora… que poden influír na calidade dos futuros análises”. Este exercicio de intercomparación naceu da necesidade dos laboratorios que empregan a AEO para a validación dos resultados seguindo a esixencia da norma ISO-EN-OEC 17025, que recolleron a Universidade de Barcelona e a empresa Thermo Fischer Scientific para pór en marcha esta iniciativa.

Durante toda a xornada, investigadores de entidades internacionais como as universidades de Sevilla, Murcia, Madrid ou Belfast, Cepsa, Repsol, Vertex Technics, Exeter Analitical ou Coal Services reuníronse na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla para levar a cabo análises centrados no mar, aproveitando a contorna na que se realiza. A vicerreitora de Investigación, Asunción Longo; o director da ECIMAT, Ricardo Beiras, e a directora do CACTI, Irene Alejo, quixeron acompañar aos participantes durante o acto de valoración dos resultados de cada laboratorio participante.

Traballar para mellorar

Coa Sistema de Xestión de Calidade ISO9001 implantado desde 2010 e o recoñecemento do laboratorio alimentario da Xunta de Galicia desde 2006, os bos resultados obtidos durante estes experimentos veñen a confirmar o bo facer deste centro de análise e asegura “a boa marcha dos servizos que ofrece a Universidade a través do CACTI”. Con presenza nos campus de Vigo e Ourense, o servizo de Seguridade Alimentaria e Desenvolvemento Sostible presta apoio analítico aos investigadores da Universidade de Vigo e pon ao alcance de empresas e organismos (centros de investigación, hospitais, concellos…) unha ampla e variada oferta de servizos de análise.

Case dúas décadas de servizo

O servizo de Seguridade Alimentaria e Desenvolvemento Sostible foi creado no ano 2005 baixo a dirección de Ángel Rodríguez de Lera a partir dos de Análise Instrumental do CACTI que puxera en marcha a profesora Betty León dez anos antes. Dende eses comezos en 1995, o servizo aumentou a oferta de técnicas analíticas e conta na actualidade con máis de 35 espectrómetros ou instrumentos de medida e dous laboratorios adicionais de preparación de mostras, o que supuxo a incorporación de persoal técnico altamente cualificado de distintos campos das Ciencias Experimentais. Ademais, dispóñense de varios micro e macro analizadores elementais para determinar carbono, nitróxeno, hidróxeno e xofre en gran diversidade de mostras orgánicas e inorgánicas.