DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 65 estudantes do Programa para Maiores déronse cita este mércores no Edificio de Ferro

Os maiores despiden o curso desexando xa que comece outro novo

Este ano conseguiron sacar adiante un coro propio e un grupo de teatro

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 13/06/2012

Boa parte da comunidade universitaria está desexando que chegue o remate dos exames e poder pechar o curso 2011/2012 cunhas merecidas vacacións. É un desexo xeneralizado excepto para un grupo de alumnos e alumnas moi especiais. Trátase das 65 persoas que este mércores celebraron a clausura de curso do Ciclo Intensivo do Programa para Maiores do campus de Ourense. Eles despedíronse de compañeiros e docentes desexando que chegue pronto setembro e poder comezar de novo a ir ás clases no campus, a facer excursións didácticas, a participar da vida cultural universitaria e sobre todo das relacións e bos momentos que xorden entre compañeiros.

“Vos sabedes entender moi ben o espírito universitario, non só dedicándovos a estudar nas aulas senón tamén medrando como persoas a través da convivencia, das actividades culturais e de todo o que ofrece a Universidade”, díxolles María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense aos estudantes, que estiveron neste acto acompañados de familiares e amigos. Polo seu “entusiasmo e gañas de realizarvos a través do coñecemento” e por “entender que cada día é un novo comezo, independentemente da idade que se teña”, Rosa María Tallón, fiscal da Audiencia Provincial de Ourense, quixo felicitar a este alumnado, que continuará o vindeiro curso realizando o Ciclo Especializado do Programa para Maiores, se así o desexan.

Intensa actividade cultural

Dos estudantes presentes Josefina Pato quixo salientar que son “xeniais”. A responsable do Programa para Maiores no campus de Ourense destacou o alto nivel dos alumnos e alumnas do Ciclo Intensivo, que en moitos casos teñen estudos superiores e que se aplican moito nas materiais e nos traballos. “Ademais do seu rendemento académico, este curso os dous maiores logros que tivemos foron a creación do Coro da Universidade para Maiores do Campus de Ourense e a consolidación dun grupo de teatro propio”, apuntou Josefina Pato. Para presentar aos asistentes estes dous logros, durante o acto o coro, baixo a dirección de José María González e composto por 22 alumnos, interpretou as pezas Foliada de Oira, Lloren Guitarras e Cum Decore. Trala súa actuación, outro grupo de maiores representou a peza de teatro Roubo no museo, con guión e dirección de Raquel Feijóo. “A historia trata sobre tres grupos de ladróns que preparan cadanseu plan para roubar un cadro moi coñecido no Museo Municipal e que se van a atopar todos a mesma noite no museo”, explicou Feijóo.

Experiencia moi recomendable

“O mellor da Aula para Maiores é o ben integrados que estamos, o excelente ambiente que temos, algo que queda patente en todo o que facemos”, comentou Ana María López, alumna de terceiro curso e membro do coro e do grupo de teatro. Esta auxiliar administrativa de Renfe xa xubilada destacou que “facer estas actividades é todo un reto marabilloso” e animou a todas as persoas a gozar da experiencia interxeneracional que ofrece. “Entrar no campus e ver todo o movemento de xente nova xa te anima e dá moita enerxía”, explicou. Precisamente por un consello doutro estudante do Programa para Maiores, Emilia González tamén se apuntou a esta inciativa e este ano cursou primeiro. “Despois de 38 anos traballando en Francia regresei e este está sendo un modo moi bo de coñecer xente, de facer amigos e de pasar o tempo aprendendo”, salientou.