DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será entre o 21 e o 24 de xuño e participarán preto de 250 especialistas

Os máis destacados investigadores internacionais en Química Teórica e Computacional reuniranse en Vigo no congreso ESPA 2022

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 08/06/2022

Organizado pola Comunidad Española de Químicos Cuánticos, entre o 21 e o 24 de xuño, celebrarase en Vigo a 12ª edición do Congress on Electronic Structure Principles and Applications (ESPA- 2022), un foro de encontro dos e das químicas cuánticas e computacionais ,que se celebra en España desde o ano 1998. “Nos seus inicios, a maior parte dos participantes eran españois, pero a porcentaxe de investigadores estranxeiros foise facendo moi importante chegando as ser na edición de 2018 un 50% aproximadamente”, explica Ángeles Peña Gallego, decana da Facultade de Química da UVigo e presidenta do comité organizador, cargo que comparte co tamén docente e investigador do Departamento de Química Física, Marcos Mandado Alonso. 

Con preto de 250 participantes rexistrados, incluídos os nove poñentes plenarios, 18 invitados e outros tantos seleccionados para ofrecer charlas orais curtas, no congreso, que se celebrará na sede Afundación en Vigo, abordaranse temáticas moi variadas “incluíndo desde a metodoloxía máis fundamental ata as aplicacións máis novidosas da química computacional”, sinala Ángeles Peña. Dinámica molecular, métodos de estrutura electrónica para correlación electrónica, modelaxe multiescala, modelos de estrutura electrónica a gran escala para materiais, topoloxía do enlace químico, interaccións non covalentes, propiedades ópticas e eléctricas, espectroscopía atómica e molecular, machine learning, biofísica computacional e fisicoquímica orgánica e catálise, son algunhas das temáticas que se abordarán nas sesións, nas que, ademais, “se presentarán arredor de 170 comunicacións en formato póster”, detalla Marcos Mandado.

Participantes de primeiro nivel 

Logo de celebrarse en Madrid, San Sebastián, Sevilla, Valladolid, Santiago de Compostela, Barcelona ou Palma de Mallorca, o congreso recala na súa 12ª edición en Vigo, onde, durante catro días, se darán cita para impartir as conferencias plenarias investigadoras e investigadores de primeiro nivel internacional no ámbito da Química Teórica e Computacional. “Cómpre destacar tres plenarios de institucións de USA, un de Australia e outros cinco europeos. Un deles é o actual presidente da World Association of Theoretical and Computational Chemist (Watoc), Peter Gill, e outra a editora xefa da revista máis prestixiosa en Química Teórica e Computacional (Journal of Chemical Theory and Computation), Laura Gagliardi”, confirma Ángeles Peña, que sinala que para o comité científico foi difícil escoller as presentacións orais pola cantidade de peticións e a súa calidade.

O congreso, “o máis importante dentro da comunidade de químico físicos teóricos de España”, sinalan Peña e Mandado, ten ademais unha proxección internacional moi importante, xa que a metade dos participantes proceden de institucións estranxeiras, representando a países dos cinco continentes. “Esta é unha grande oportunidade de estreitar lazos co resto de grupos de investigación do noso país, así como de establecer novos contactos e colaboracións con grupos estranxeiros de recoñecido prestixio”, afirma a decana da Facultade de Química da UVigo.

Un campo descoñecido, mesmo para o alumnado de Química  

A Comunidad Española de Químicos Cuánticos é a encargada de organizar o Congreso, unha entidade que ten o obxectivo principal de formar novos investigadores no campo da Química Teórica e a Modelización Computacional. “Este é un campo descoñecido para unha gran parte do alumnado ao finalizar o Grao en Química ou titulacións afíns, e moitas veces é visto como complicado debido á alta carga de contidos das áreas de Matemáticas e Física”, explica Marcos Mandado, que engade que por esta razón se creou hai 22 anos o Máster en Química Teórica e Modelización Computacional, no que participan case todas as universidades de España nas que existen grupos de investigación neste campo. 

Ademais do mestrado, a UVigo oferta o programa de doutoramento en Química Teórica e Modelización Computacional, “tamén cun alto carácter interuniversitario, onde recalan a maior parte do noso alumnado e participan os nosos docentes e investigadores”, sinala Mandado.