DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola infantil de Ourense inaugurouse este curso ofrecendo 41 prazas

Os máis pequenos 'conquistan' o campus de Ourense

O reitor da Universidade de Vigo visitou este xoves as instalacións

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 27/09/2012

Aínda están aprendendo a dar os primeiros pasos e a dicir as primeiras palabras pero xa son os reis do campus de Ourense. Trátase dos 37 rapaces e rapazas de cero a tres anos que a principios de setembro estrearon a escola infantil do campus de Ourense. Tras unhas semanas de aclimatación, este xoves recibiron unha visita especial, a de Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, que quixo coñecer en persoa ao membros máis novos da comunidade universitaria e “a nosa canteira de futuro”. “É unha gran satisfacción poder ver a gardería a pleno rendemento e dando un servizo tan importante, tanto para a Universidade como para a cidade de Ourense”, salientou o reitor durante o percorrido polas novas instalacións. Situada no corazón do campus e do Parque Medioambiental de Ourense, a escola é xa un rebulir de nenos e nenas desexando aprender e medrar.

O reitor, que estivo acompañado na visita por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e por Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus, destacou que estes nenos e nenas “son a alegría da Universidade”. Con 41 prazas en total, explicaron os responsables da gardería, 37 delas xa están ocupadas e catro están pendentes de adxudicación. Arredor da metade destas prazas están ocupadas por fillos e fillas de alumnado, do persoal docente e investigación e de persoal de administración e servizos. A outra metade do alumnado está formada por nenos e nenas de familias da cidade de Ourense. “Este servizo quixemos poñelo non só a disposición da comunidade universitaria, senón tamén dos fillos e fillas dos veciños de Ourense, traballando unha vez máis por achegar a Universidade aos cidadáns”, apuntou o reitor.

Instalacións punteiras

Cunha superficie de 327 metros cadrados, o edifico conta con tres aulas, unha para cada tramo de idade, xa que o centro ofrece oito prazas para nenos menores dun ano, trece para nenos de un a dous anos e 20 para rapaces de dous a tres anos. Ademais, dispón de todos os espazos e materiais necesarios para o desenvolvemento da súa actividade, como unha cociña ou unha sala de berces para durmir. “As instalacións están pensadas non só para ter unha boa arquitectura senón tamén e principalmente para ser unha boa escola infantil, escollendo os materiais, os xoguetes ou incluso a distribución dos espazos pensando en como se desenvolve a mente e a psicomotricidade dos nenos e nenas”, destacou Salustiano Mato.

Alén da súa estética moderna e integración coa contorna natural na que se insire o edificio, o reitor da Universidade de Vigo quixo salientar no seu deseño o uso da enerxía xeotérmica para o mantemento da calefacción. “Este uso é un exemplo do valor que ten Ourense neste tipo de enerxía, un valor inigualable que queremos aproveitar desde a Universidade en instalacións coma esta para facelas máis sostibles”, apuntou o reitor, que percorreu as diferentes salas da nova escola infantil e puido compartir impresións coas coidadoras do centro e cos propios nenos e nenas presentes.

Conciliación de vida persoal e profesional

O horario de apertura do centro é de oito da mañá a oito da tarde, con servizo opcional de comidas. Isto permite ao pais e nais beneficiarios un amplo marxe de doce horas para dispor dun lugar no que deixar aos seus fillos e fillas. “No deseño deste servizo quixemos dar moitas posibilidades aos pais, para facer máis fácil que poidan conciliar a vida familiar, académica e laboral”, destacou Salustiano Mato.

Os prezos varían en función dos servizos contratados e de se trata de membros da Universidade ou de fóra dela, incluíndo neste último grupo aos familiares dos membros da comunidade universitaria. De xeito orientativo, para o primeiro grupo os prezos é de 73,7 euros por matrícula e mensualmente 98,27 euros por escolaridade completa, 79,31 euros por media xornada e 69,49 euros se contrata o servizo de comedor. Para os demais usuarios o custe ascenderá a 110,6 euros de matrícula, 147,4 euros por escolaridade completa, 119 por media xornada e 104,2 euros por servizo de comedor. O prazo para solicitar praza está aberto de xeito permanente para cubrir prazas vacantes.