DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola infantil da Universidade abrirá as súas portas en setembro con 41 prazas

Os máis pequenos tamén estudarán no campus de Ourense

Terán preferencia na solicitude os membros da comunidade universitaria e os seus familiares

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 23/05/2012

No curso 2012/2013 o campus de Ourense ampliará “familia”. Ademais de estudantes, docentes, investigadores e persoal de administración e servizos a partir do mes de setembro os máis pequenos da casa tamén terán o seu propio recuncho nas instalacións universitarias. A escola infantil da Universidade de Vigo abrirá entón as súas portas e 41 nenos e nenas, de entre catro meses e tres anos, formaranse neste centro. Situado fronte á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e integrado na maior zona verde da cidade Ourense, o edificio ofrecerá aos seus novos inquilinos un marco privilexiado para a aprendizaxe nos seus primeiros anos de vida.

“Esta gardería será un paso máis para contribuír á calidade de vida da comunidade universitaria, poñendo á súa disposición instrumentos que permitan unha mellor conciliación da vida persoal, familiar e profesional deste colectivo”, destaca María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense. Tralo remate do edificio, que destaca polo seu deseño moderno e pola integración física coa contorna e coa natureza, a Vicerreitoría do campus ultima agora as xestións para que a principios de xuño se abra o prazo de solicitude de prazas e para que a principios de setembro entren xa á escola e Educación Infantil os nenos e nenas.

Para a comunidade universitaria e para Ourense

En primeiro lugar optarán ás prazas da gardería os pais e nais de fillos de ata 3 anos que sexan membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo, considerando por tal aos traballadores en servizo activo (profesorado e persoal de administración e servizos); a persoal de investigación e contratado con cargo a proxectos e convenios; e a alumnado de 1º, 2º, 3º ciclo, de grao e posgrao. En caso de quedar vacantes, pódense presentar outros familiares dos membros da comunidade universitaria: netos e sobriños do funcionariado e traballadores da Universidade de Vigo en activo ou xubilados. Se segue a haber prazas sen ocupar, en terceiro lugar poderán solicitalas as persoas residentes na cidade de Ourense.

“A nosa prioridade é a comunidade universitaria pero tamén é importante salientar que ao dar entrada a nenos e nenas de persoas alleas a ela estamos contribuíndo a integrar o campus coa cidade de Ourense. Estamos desenvolvendo un servizo que tamén axuda a incrementar o benestar e a calidade de vida da nosa contorna”, explica María Lameiras. Nesta liña de incrementar as sinerxías do ámbito universitario coa sociedade e tendo en conta a existencia no campus de Ourense dunha Facultade de Ciencias da Educación, a empresa concesionaria da xestión da gardería articulará con alumnado e egresados deste centro a realización de prácticas. Ademais, a Vicerreitoría do campus traballa co Concello de Ourense para habilitar na contorna do edificio un parque infantil exterior.

Prazas e prezos

A escola infantil disporá en total de 41 prazas: oito para nenos menores dun ano, trece para nenos de un a dous anos e 20 prazas para rapaces de dous a tres anos de idade. “O número de prazas é o que establece a normativa da Xunta de Galicia en función da superficie das aulas, polo que as vacantes que se poidan producir en calquera dos grupos de idade dará lugar ao incremento correlativo do número de prazas noutro”, apunta Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus de Ourense.

O centro funcionará durante once meses ao ano, de setembro a xullo, ambos incluídos, cun horario de luns a venres de mañá e tarde e con servizo de comedor. Os prezos variarán en función dos servizos contratados e de se trata de membros da Universidade ou de fóra dela, incluíndo neste último grupo aos familiares dos membros da comunidade universitaria. De xeito orientativo, para o primeiro grupo os prezos serán de 73,7 euros por matrícula e mensualmente 98,27 euros por escolaridade completa, 79,31 euros por media xornada e 69,49 euros se contrata o servizo de comedor. Para os demais usuarios o custe ascenderá a 110,6 euros de matrícula, 147,4 euros por escolaridade completa, 119 por media xornada e 104,2 euros por servizo de comedor.