DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os malabares protagonizan a actuación de Trasno no centro comercial

A súa actuación espertou gargalladas entre os asistentes

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 08/11/2007
Música, circo, teatro, baile e danza, unha mestura de todo isto caracterizou a actuación este xoves no centro comercial da Cidade Universitaria de Trasno, un personaxe creado por Pablo Reboleiro que, dende o ano 2001, leva percorrido os mellores festivais de teatro de rúa, dende Galicia á India, pasando por Arxentina, Brasil ou Rusia.
“É un crack”, “moi bo”, “divertido”, “sempre che saca unha gargallada”... foron algunhas das frases coas que os espectadores do espectáculo definiron a actuación de Trasno no centro comercial.
Con instrumentos tan sinxelos como unhas lanzas, uns aros, unha pelota de waterpolo ou un pequeno boneco dun can, Trasno amenizou o xantar a moitos estudantes que aproveitaron esta singular hora para disfrutar dos malabares. “Aínda que en principio pareza unha hora estraña, para nós é moi boa, pois non hai clase”, comentaba unha das espectadoras.
Ao longo da actuación Trasno interactou co público facéndoo participar en varios intres da súa actuación deixando a máis de un boca aberto co seu desparpallo.
A próxima actuación de Teatro de Rúa no centro comercial vai ser o vindeiro 22 de novembro con La Máscara e o espectáculo “Marcelopuntomime”.