DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador Carlos Suárez estudou na súa tese os efectos da mobilidade nas prácticas artísticas

Os movementos migratorios racharon coas fronteiras na arte

Desde finais do século XX, estes procesos teñen unha "gran repercusión" na creación contemporánea

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 13/06/2016

“Como consecuencia dos desprazamentos xéranse uns discursos artísticos imposibles de concibir desde posicións estáticas de pertenza territorial”, conclúe o artista Carlos Suárez da investigación que realizou sobre como “a intensificación dos procesos migratorios e os desprazamentos no último terzo do século XX en Europa van a ter unha gran repercusión nas producións artísticas contemporáneas”. Os sentimentos de desarraigo, a posta en cuestión dos límites e fronteiras e a reivindicación da identidade convértense, como constatou na súa tese de doutoramento en Belas Artes, en elementos nucleares das producións artísticas contemporáneas, nas que o antigo “criterio territorial” viuse substituído pola mestizaxe e a interculturalidade.

“O desprazamento é unha realidade especialmente intensa nos momentos actuais á que a arte contemporánea non pode ser allea”, sostén Suárez Fernández, que situou nesta idea da mobilidade e nos seus efectos sobre a produción artística o eixo da súa tese Desplazamiento, frontera, memoria e identidad. Análisis desde el arte europeo actual y desde la experiencia práctica de la creación, dirixida polo profesor da Facultade de Belas Artes Javier Tudela. O artista e investigador asturiano combinou na súa investigación a análise das obras e as reflexións de artistas como Santiago Sierra, Kaoru Katayama, Maja Bajevic, Selja Kameric, Mona Vatamanu ou Florin Tudor, con estadías de investigación en Bélxica, Romanía ou na trienal de Folkstone, en Inglaterra, co propósito de “contemplar a problemática específica no contexto da Unión Europea dunha forma máis próxima”.

Así mesmo, Suárez tamén abordou esta idea da mobilidade desde a propia produción artística, que, recoñece, “foise alimentando cos contidos teóricos da tese”. De feito, unha das consecuencias do seu proceso de investigación é El vaciado de la Huella Belga, a exposición que desde mediados de abril protagoniza no Museo de Bellas Artes de Asturias. “A exposición formou parte dos aspectos prácticos da miña tese é unha consecuencia do proceso de investigación”, apunta o artista dunha mostra que ten na memoria e a identidade o eixo central da súa reflexión, desta volta partindo do concepto do arquivo, tomando como punto de partida precisamente o arquivo da Real Compañía de Minas-Asturiana de Zinc.

Exposicións que abandonan o modelo territorial

Como resalta o investigador, os territorios de procedencia deixaron xa de ser o “referente único para catalogar aos artistas e as súas producións”, como queda demostrado, por exemplo, na Bienal de Venecia, “que nas súas orixes estaba ligada a pavillóns nacionais como criterio clasificatorio de artistas”. Un criterio territorial, engade, hoxe xa superado, nunha época na que “símbolos e bandeiras nacionais entran na arte contemporánea como recurso irónico e expresivo, ao perder cada vez máis o seu carácter representativo ante a complexidade do representado”.

Na súa análise de como a arte contemporánea rachou, nas últimas décadas do pasado século, con esa concepción territorial, Suárez pon o foco en dúas exposicións colectivas que “incluían en igualdade de condicións obras e artistas doutras partes do mundo ata entón excluídas” do panorama artístico europeo. Trátase das exposicións Magiciens de la terre, celebrada no Centro Pompidou de París en 1989 con Jean Hubert Martin como comisario e a “resposta a esta” que foi Cocido y Crudo, que se desenvolveu no Reina Sofía de Madrid baixo o comisariado de Dan Cameron. “Magiciens de la terre puña sobre a mesa a necesidade de diálogo e integración das distintas culturas, cun cambio de perspectiva e unha relación en igualdade de condicións, para construír unha especie de aldea global”, salienta dunha exposición que, fronte a “hexemonía europea ou norteamericana, que ata entón marcaba todo o devir da arte”, integraba en igualdade de condicións as creacións procedentes de África ou Asia.

Do desarraigo ao activismo

Acontecementos históricos que mudaron o mapa de Europa, como a caída do Muro de Berlín ou o desmembramento da Unión Soviética, sumados á “intensificación dos procesos migratorios” con destino ao vello continente contribuíron, nas últimas décadas do século XX, a un intercambio cultural que “non só repercutiu notablemente no panorama artístico e cultural, creando un novo contexto multicultural”, senón que deu pé, como salienta Suárez, “á necesidade de establecer novas perspectivas e puntos de vista para abordar as producións culturais”.

Así, “os sentimentos de desarraigo e desconcerto, a reflexión e a posta en cuestión de límites e fronteiras ou a reivindicación das raíces e identidade” convertéronse “en parte activa da obra dalgúns artistas vinculados a eses procesos de deslocalización”. Na súa tese, este investigador analiza as creacións de artistas como a parisina de raíces arxelinas Zineb Sedira, que afondaba “na imposibilidade de comunicación oral entre as distintas xeracións de familiares desprazados”; así como nas producións de artistas que abordaron os procesos migratorios, como Xavier Arenós, Sejla Kameric ou Rogelio López Cuenca, ou que poñen en cuestión “os valores culturais asumidos como autóctonos” e promulgan un “posicionamento en favor da hibridación como modelo de construción social fronte ao hermetismo territorial”, como a xaponesa residente en España Kaour Katayama ou o madrileño Santiago Guerra.

Por outra banda, neste contexto de cambio, cobraron “especial transcendencia” aquelas prácticas “provenientes dos movementos activistas, pola súas gran potencialidade artística e de comunicación”, salienta Suárez, que tamén estuda na súa tese os casos de colectivos como a coalición internacional No border, que adoptan “unha postura crítica e de denuncia fronte a exaltación da nacionalidade e o orgullo patrio como modelo hermético de construción social”.