DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os socios de Team-Miño instan a preservar o ecosistema do esteiro do impacto humano

Os niveis de contaminación química no estuario do río Miño son baixos

O Cetmar acolleu o seminario final dun proxecto europeo coordinado pola Ecimat

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 21/06/2013

Os niveis de contaminación química no estuario do río Miño son en xeral baixos, sobre todo en comparación cos resultados acadados nas zonas habitadas da ría de Vigo, no caso galego,e do río Lima en Portugal. Son parte das conclusións do proxecto europeo Team Miño, un traballado coordinado pola Estación das Ciencias Mariñas da Universidade de Vigo e no que participaron 30 investigadores de diferentes institucións de Galicia e Portugal que, agora, na presentación dos resultados fan un chamado a preservar este ecosistema do impacto humano.

O Centro Tecnolóxico do Mar, un dos socios da iniciativa, acolleu este venres o seminario final do proxecto, ao que asistiron, ademais de numerosos investigadores, a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo; a directora xerente da Fundación Cetmar, Paloma Rueda, e o presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez.

Implementación da Directiva Marco de Auga

O proxecto, financiado con máis dun millón de euros polo Ministerio de Economía e Facenda, púxose en marcha en setembro de 2011 co obxectivo de desenvolver ferramentas comúns para a implementación coordinada da Directiva Marco da Auga neste esteiro e os resultados demostran agora que este proceso “vai especialmente atrasado en augas de transición, debido especialmente ás particularidades deste tipo de augas a medio camiño entre río e mar”.

Despois de analizar en profundidade o caso da desembocadura do Miño, os socios do proxecto concluíron que a actual delimitación das catro masas de auga de transición definidas no esteiro internacional impiden a aplicación de niveis de referencia comúns a todas elas, xa que presentan características hidrográficas e ecolóxicas totalmente distintas.

Para solucionar este problema, os expertos propoñen aplicar niveis de referencia típicos de esteiros con dominancia mariña á masa de auga máis externa; niveis de referencia de esteiros con dominancia fluvial á masa intermedia, e finalmente, niveis de referencia de eixes principais fluviais as dúas masas máis internas, que poden así ser fundidas nunha única.

De cara a clasificación do estado ecolóxico destas masas de auga recoméndase empregar “información biolóxica rápida, sensible e ecoloxicamente relevante subministrada polas técnicas denominadas biomarcadores ou bioensaios”. Neste aspecto, os investigadores explicaron como os biomarcadores detectan a presenza e/ou efecto de contaminantes no medio a través do estudo dos organismos que o habitan e como os bioensaios ecotoxicolóxicos permiten seleccionar de xeito rápido e pouco custoso as zonas con mala calidade da auga, e serven de screening previo para seleccionar as zonas nas que deberán empregarse análises químicas máis complexas e custosas.

Exemplo de alianza transfronteiriza

O río Miño separa, pero en moitos aspectos une, ambas ribeiras de España e Portugal. A aplicación da Directiva Marco da Auga é un deses aspectos que precisa da colaboración entre ambos países, xa que a súa aplicación é un reto complexo para todos os países membros da Unión Europea. Aprobada no ano 2000 esta directiva ten como obxectivo establecer un marco para a protección das augas continentais, de transición, costeiras e subterráneas, requirindo novas medidas específicas de control de contaminación e de calidade ambiental. Dada a implicación de moitos países nesta iniciativa, fíxose máis que precisa a colaboración transfronteiriza para unha aplicación homoxénea, harmónica e coordinada. Unha das alianzas postas en marcha foi Team-Miño, neste caso entre Galicia e o norte de Portugal, e enfocado á transferencia de ferramentas para a avaliación, ordenación, xestión e educación ambiental en estuarios.

Neste proxecto centraron os seus esforzos durante estes máis de dous anos socios científicos e tamén das administracións hidráulicas de ambas ribeiras do río, entre elas a Universidade de Vigo, que coordina, o Instituto Español de Oceanografía, o Cetmar, a Universidade de Aveiro, CIIMAR, IPIMAR, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Administração Regional Hidrográfica do Norte de Portugal, Augas de Galicia, Mancomunidade de Municipios do Baixo Miño e Centros de Monitorização e Interpretação Ambiental de Vila do Conde e de Viana do Castelo.