DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Programa de Formación do Novo Profesorado axúdaos a coñecer a institución

Os novos docentes e investigadores aclimátanse á Universidade

O reitor salientou na inauguración a importancia de que docencia e investigación vaian da man

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 24/11/2010

A vertente docente e a investigadora de moitos docentes universitarios percorren camiños diverxentes. Ata agora. Coa implantación do Espazo Europeo de Educación Superior o Persoal Docente e Investigador das universidades debe harmonizar estas dúas facetas da súa profesión na procura da calidade e da excelencia, “é un dos principais obxectivos desta era pos-Boloña que estamos a vivir”, en palabras do reitor da Universidade de Vigo. O mellor xeito de acabar con esta disociación é a formación, sobre todo a dos novos docentes que comezan a súa carreira, animándoos e inculcándolles a importancia da formación continua e da innovación educativa. Estas son as premisas fundamentais do Programa de Formación do Novo Profesorado que a Universidade organiza para axudar aos novos docentes a afacerse á institución, á súa organización interna e ao seu contexto.

Na nova edición que este mércores botou a andar co Curso de Iniciación á Formación para a Docencia Universitaria participan 47 novos membros do corpo docente e investigador. Ata maio asistirán a relatorios e charlas que perseguen, segundo o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, tres obxectivos fundamentais, “coñecer o contexto no que van desenvolver a súa profesión, proporcionarlles coñecementos e ferramentas metodolóxicas e formalos en novas tecnoloxías aplicadas á docencia e innovación educativa”.

Unha calorosa benvida

No acto de apertura deste programa, o reitor e o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade deron a benvida á institución aos novos profesores e investigadores e subliñaron a importancia de que curso conte cada ano con máis matriculados (cos 47 deste curso bátese o récord) e de ámbitos e colectivos moi diversos. Salustiano Mato incidiu na necesidade coordinar docencia e I+D xa que, “tal e como evoluciona o estatuto do PDI, que se aprobará o vindeiro ano, cobra cada vez máis importancia a non disociación das dúas principais tarefas que desenvolven estes profesionais “ Para o reitor, trátase de dous conceptos indisociables e indivisibles que “todos debemos harmonizar” xa que para consolidarse na universidade non basta con “ser un referente en investigación, hai que saber transmitir ao alumnado estes coñecementos, ser un bo docente”. Animou así o reitor aos novos profesionais a ser “embaixadores e adoutrinadores” dos demais colectivos de acordo ao novo modelo de aprendizaxe que require Boloña, “con valor e cariño pola docencia”.

Amplo abano de actividades formativas

O Curso de Iniciación á Formación para a Docencia Universitaria é o primeiro que bota a andar do Programa de Formación do Novo Profesorado e ao que seguirán outros doce, organizados pola vicerreitoría sobre temas tan diversos como Linux, elaboración de guías docentes, técnicas para a aprendizaxe activa, creación de webs, teorías pedagóxicas, uso da plataforma TEMA, etc.

Esta primeira actividade comprende seis bloques temáticos, sendo o primeiro deles, que comezou este mércores, de inmersión na Universidade de Vigo. A vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións, Margarita Estévez, foi a encargada do primeiro relatorio no que presentou a súa vicerreitoría e deu paso a Javier Pérez Guerra, director da Área de Profesorado e Elena Alonso, da Área de Posgrao.

As 14 horas deste primeiro módulo deixarán paso os seguintes: novas tecnoloxías e ensino semipresencial; EEES; didáctica; desenvolvemento profesional e, finalmente, experiencias de innovación educativa que se alongarán durante case todo o curso académico.