DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores de Europa e EEUU daranse cita os días 25 e o 26 de xuño no campus

Os novos métodos de diagnose e terapia centrarán o congreso anual do Cinbio

Para compartir coñecemento sobre as aproximacións biomédicas máis innovadoras

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 18/06/2018

Un recente estudo da Universidade de Harvard conclúe que cada vez máis científicos dan a coñecer os seus resultados antes de publicalos. O principal motivo exposto polos máis de 7000 investigadores consultados é que a divulgación aberta facilita o establecemento de colaboracións e o progreso e verificación dos avances. Este é o espírito do congreso anual organizado polo Centro de Investigación Biomédica (Cinbio), que terá lugar entre o 25 e o 26 de xuño na Facultade de Bioloxía do campus vigués.

“Na ciencia biomédica, cada vez máis interdisciplinar e cun ritmo de evolución especialmente rápido, compartir coñecemento é fundamental para garantir o máximo impacto dos avances”, explica a directora do Cinbio, África González. A necesidade de facilitar o traballo en rede a nivel internacional trae ao congreso deste ano, aberto a inscrición, a investigadores de varios centros internacionais de referencia. O tema central do evento son os novos métodos de diagnose e terapia en biomedicina, un campo de coñecemento multidisciplinar que busca atraer estudantado, persoal investigador e profesionais do sector. Esta segunda edición do annual meeting presenta a particularidade de ser organizada polos investigadores máis novos do Cinbio, que se puxeron como reto reflectir a singularidade e interdisciplinaridade do centro da Universidade de Vigo na selección dos temas e poñentes do evento. “Con este congreso pretendemos crear un foro aberto de discusión científica entre investigadores internacionais de diferentes áreas, facendo que  a Universidade de Vigo e Galicia sexan o motor  dunha nova aproximación á biomedicina”, explica Sara Núñez-Sánchez, do comité organizador.

Avances na diagnose

A primeira das dúas xornadas do evento centrarase nas novas técnicas de diagnose. Neste eido, José Luis Mascareñas, director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela, dedicará a sesión plenaria a expoñer os avances do seu grupo no deseño de catalizadores químicos baseados en metais que poidan ser introducidos nunha célula viva para actuar como encimas, as proteínas encargadas de desencadear transformacións esenciais nos tecidos.

Pola súa banda, Aleksandr Missiul exporá as aplicacións do Sincrotrón ALBA no campo da biomedicina. Esta instalación científica, situada en Barcelona, é a fonte de luz máis potente na área mediterránea, o que permite a visualización da estrutura atómica da materia. Entre outros usos, está facilitar a análise dos mecanismos relacionados co Alzhéimer e das células infectadas co parasito da malaria e a obtención de imaxes 3D de células de pequenos cristais de colesterol, o que axudaría a desenvolver tratamentos máis efectivos contra a arteriosclerose. No ámbito do cancro, Francisco Corzana, da Universidad de La Rioja, explicará os seus avances no deseño de vacinas e no desenvolvemento de anticorpos como biosensores capaces de detectar tumores in vivo.

A multidisciplinaridade é un dos retos máis complexos da biomedicina e, ao mesmo tempo, a clave para obter métodos diagnósticos cada vez máis sofisticados e eficaces. Para logralo é necesario desenvolver ferramentas estatísticas que permitan realizar análises integradas e modelos preditivos a partir de datos obtidos por diversas vías: metabolómica, proteómica, glicómica e outros conxuntos de información xenómica a grande escala. Este é o obxecto da investigación de Mar Rodríguez Girondo no Leiden University Medical Center de Holanda, quen exporá os seus avances neste campo durante o congreso do Cinbio.

A aproximación ómica será tamén o tema central da intervención de David Gómez Cabrero, da Unidade de Bioinformática Traslacional de Navarrabiomed, que ilustrará a aplicación de metodoloxías de integración de datos no caso concreto da esclerose múltiple e explicará o proxecto europeo STATegra, no que participa co obxectivo de desenvolver ferramentas estatísticas e software capaces de xestionar este tipo de información complexa.

Nesta primeira xornada intervirán tamén, entre outros, os investigadores da Universidade de Vigo Manuel Mendoza, que abordará o seu traballo no desenvolvemento de novos biomarcadores para a detección da tuberculose, e Sarah De Marchi, quen se centrará no deseño de nanopartículas de metal para a biodetección de enfermidades.

Novas terapias, na segunda xornada do congreso

A segunda xornada do congreso oriéntase ás novas terapias biomédicas. A sesión plenaria correrá a cargo de Arturas Volianskis, da Queen Mary University of London, que explicará as potencialidades farmacolóxicas dos receptores NMDA, receptores celulares relacionados con enfermidades neurolóxicas como a epilepsia, neurodexenerativas coma o Párkinson e o Alzhéimer e psiquiátricas como a esquizofrenia.

Intervirá tamén Laura Munielo, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), para detallar os avances realizados polo grupo Oncomet ao que pertence no campo da biopsia líquida. Esta técnica de oncoloxía de precisión permite caracterizar os tumores de forma non invasiva e dinámica, o que supón un salto importante na selección das terapias máis axeitadas para cada paciente e a monitorización continuada da enfermidade. Por parte da Universidade de Vigo, Alba Vázquez-Arias presentará o seu traballo no eido das nanolámpadas para a modulación inducida por luz da función celular, con aplicacións na fotomedicina. 

En total, durante o congreso presentarán os seus avances 20 investigadores procedentes de institucións de España, Portugal, Reino Unido, Holanda, Suecia e Estados Unidos, aos que se sumará a exposición de 50 pósters científicos.