DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta iniciativa integrada no Campus do Mar presenta o seu programa de actividades para os próximos m

Os novos pasos do proxecto Baliza no seu camiño por afianzar a investigación en Belas Artes

Científicos e artistas da Universidade participarán nunha mostra colectiva no Marco

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 13/05/2014

Avanzar na integración da arte como criterio de excelencia é a meta coa que a Facultade de Belas Artes se embarcou no proxecto Baliza, unha iniciativa integrada no Campus do Mar “que ten como obxectivo fundamental articular e dar visibilidade á investigación que se desenvolve no centro”, como salienta o seu decano, Juan Carlos Meana. Con esa idea no horizonte e co propósito de xerar ferramentas perdurables para a investigación no campo das Belas Artes, Baliza afondará nos próximos meses nos vínculos da arte coa ciencia, a articulación social ou a transferencia do coñecemento. Farao a través dos tres seminarios e a exposición de traballos artísticos e científicos que foron presentadas nesta xornada xunto coa plataforma informática e o laboratorio documental que tamén se están a deseñar desde a facultade.

Iniciado no ano 2012 e co seu remate previsto para finais de ano, o proxecto Baliza foi unha das dez iniciativas do ámbito das artes que financiou o Ministerio de Educación e Cultura a través do subprograma de fortalecemento dos campus de excelencia internacional, como explicou o vicerreitor do campus de Pontevedra. Juan Manuel Corbacho acompañou este martes na Casa das Campás á comisión executiva do proxecto na presentación dunha serie de actividades que teñen como "comeitdos fundamentais, a transversalidade, a internacionalización, o fortalecemento das relacións co contexto social e a xeración dunhas estruturas perdurables no tempo, que poidan servir como impulso á investigación na facultade”, explicou Meana.

Artistas e científicos compartirán exposición

Amosar que a “arte e ciencia non están tan separadas como podemos pensar” é un dos obxectivos de Eidos da imaxe. Grafías dos feitos e do pensamento, a exposición comisariada polo profesor Alberto Ruiz de Samaniego que se desenvolverá no Marco, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Partindo da idea de que tanto na investigación no plano científico coma no artístico existen determinados procesos que precisan da súa manifestación en forma de imaxe, esta mostra colectiva reunirá entre o 6 de xuño e o 12 de outubro unha serie de traballos desenvolvidos por preto de 20 grupos de investigación científica da Universidade, artistas da Facultade de Belas Artes e outra serie de creadores convidados. Todos eles, como explicou Ruiz de Samaniego, “exporán nun plano de absoluta de igualdade os seus procesos de investigación en torno ás imaxes”, nunha mostra definida pola súa "versatilidade".

Tres seminarios por diante

A segunda parte do seminario Arte e articulación social: comunicación da diferenza constitúe a primeira das actividades formativas que a Facultade de Belas Artes acollerá nos próximos meses no marco do proxecto Baliza. Coordinadas polo profesor Juan Fernando de Laiglesia, estas xornadas buscan afondar no valor que pode ter a arte ”na integración cidadá e na educación social”. Farano en primeiro termo a través da análise do seu “potencial integrador como actividade simbólica” nos relatorios que se desenvolverán este xoves 15 e o venres 16 arredor de temáticas como a arte e a discapacidade, os novos escenarios de produción cultural ou a arte e o compromiso público. Xa en outubro, este seminario iniciado en decembro de 2013 celebrará a súa terceira sesión, un relatorio do alemán Jürguen Misch sobre como "ao longo do século XX, a arte e a filosofía escribiron a utopía”, destacou de Laiglesia.

Tamén no mes de outubro terá lugar tamén o seminario Arte múltiple para o Terceiro Milenio, que coordinan os profesores Ana Soler e José Antonio Castro e que se presenta como un foro de debate sobre como as novas tecnoloxías levaron á creación artística a “un terreo multidisciplinar e moi complexo”, como salientou Castro. A idea da obra múltiple como un “territorio difuso” no que se combinan arte, ciencia e tecnoloxía, que “transgrediu moitas das grandes normas da arte”, será o núcleo central desta actividade.

Por último, o programa formativo de Baliza completarase na última semana de outubro co seminario Aproximación á transferencia en Belas Artes, que coordinan Javier Tudela e Juan Carlos Román. Segundo explicou Juan Carlos Meana, nestas xornadas proporase unha análise sobre a transferencia do coñecemento artístico desde dous ámbitos, o vinculado á actividade académica e o relacionado co patrimonio.

Dúas ferramentas nacidas para perdurar

Xunto co anuncio destas actividades, a presentación do proxecto Baliza serviu tamén para amosar publicamente dúas ferramentas que se están a desenvolver actualmente na facultade coa idea de que perduren no tempo, a plataforma informática Clouds Baliza e un laboratorio documental. Este último proxecto está coordinado pola profesora Sol Alonso e ten por obxecto a creación dun “servizo académico público e comunitario” centrado na elaboración de documentais “que contribúan á divulgación do coñecemento científico”. A este respecto, Alonso explicou que o proxecto no que actualmente traballa busca contribuír á “visibilización pública do coñecemento” a través de obras audiovisuais que combinen os elementos propios da creación documental e do cinema científico. Así mesmo, anunciou que este laboratorio será presentado máis detidamente nunhas xornadas no mes de outubro.

O que xa está en funcionamento é a plataforma Clouds Baliza, un espazo desenvolvido por Alberto Valverde e presentado como unha “ferramenta para a difusión e o manexo do material de investigación”. Segundo explica o seu responsable, este portal constitúese como un arquivo multimedia no que reunir a información xerada en diferentes soportes e, ao mesmo tempo, como un espazo que permite “a creación dun coñecemento compartido”, a través do traballo conxunto dos diferentes investigadores.