DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento de Juan Luis Basanta

Os pais de menores conflitivos necesitan orientación e seguimento

Destaca que unha contorna familiar problemática inflúe na actividade delitiva dos rapaces

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 30/05/2011

Dada a responsabilidade dos equipos técnicos dos xulgados e das fiscalías de menores de estudar as circunstancias persoais e familiares e de propor a medida socioeducativa a desenvolver polo menor imputado nunha actividade delitiva, o investigador Juan Luis Basanta propúxose identificar aquelas actuacións que dalgunha forma poidan contribuír á configuración do menor en conflito. Tras valorar 101 casos de menores imputados e dos proxenitores vinculados, comprobou na súa tese de doutoramento que a competencia parental e unha contorna familiar problemática inflúen no mal comportamento do fillo. Por este motivo o investigador formula a posibilidade de establecer mecanismos “de apoio, de orientación e de seguimento a eses pais co obxecto de modular aqueles factores que poidan contribuír a incrementar a actividade delictiva”, explicou.

Agora ben, a Lei de Responsabilidade Penal do Menor non permite facer ningún seguimento aos pais dos menores implicados nalgunha ilegalidade, “xa que os responsables dos feitos son os fillos”. A normativa recolle que se aplique o Programa de Execución de Medida, “que normalmente contén aspectos relacionados coa consecución de obxectivos que o neno en conflito ten que acadar, vinculados á vida escolar, á súa vida laboral ou á súa formación profesional”, adaptado ás circunstancias de cada un dos implicados. Ante este panorama, Basanta propón a posibilidade de derivar esas situacións familiares a outras entidades competentes, “que se poidan facer cargo de aqueles aspectos nos que a Administración de Xustiza non pode dar conta por razóns de cumprimento da Lei de Responsabilidade Penal do Menor”.

Competencia parental

Ao longo da súa investigación, Basanta analizou a competencia parental neste tipo de menores, “o que se entende pola capacidade que os proxenitores teñen á hora de optimizar o desenvolvemento dos fillos”, detectando baixos niveles educativos e laborais nos adultos, dificultades na intelixencia emocional e baixos procesos de supervisión e guía aos menores, que ao mesmo tempo son “antecedentes de alteracións psíquicas nos pais”.

Diferenza varias actuacións parentais en función da traxectoria delitiva do neno: se son menores en risco de delinquir, “os pais ofrecen unha pobre supervisión aos fillos, prácticas disciplinarias severas, con utilización de castigo físico e escasa atención ás emocións persoais”; no caso de menores reincidentes apréciase “que os proxenitores manteñen altos niveis de pobre supervisión, con condutas neglixentes unido ao emprego de estratexias inadecuadas de descarga emocional”; e en condutas xa gravemente violentas, “os pais apelan á resignación como estratexia emocional para aliviar o sufrimento, actitude contraria á dos proxenitores de menores que piden perdón ás súas vítimas, que dalgunha forma se responsabilizaron e actuaron sobre os feitos dos seus fillos”.

Estado mental do menor

No estudo, Juan Luis Basanta tamén destacou a relación existente entre os trazos psicopáticos dos menores e a presenza de situacións intensas de conflito familiar, “sen esquecerse da utilización de prácticas educativas negativas como inconsistencia disciplinaria, pobre supervisión e disciplina severa”.